As instalacións deportivas comezan a recuperar a súa actividade

A comunidade universitaria pode usar tamén a pista de carreira a pé do campus vigués
Publicado por o día 02/06/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

As instalacións deportivas comezan a recuperar a súa actividade

Paseniñamente vai regresando certa normalidade aos campus universitarios. Coa apertura de centros e servizos, aínda con limitacións e citas previas, a Universidade vai recobrando actividade, á que se suma tamén a actividade deportiva. A partir de mañá mércores volverán estar dispoñibles para a comunidade universitaria as pistas de atletismo e de tenis nos campus de Ourense e Vigo así como a pista de carreira a pé do campus de Vigo.

Instalacións de atletismo

As pistas de atletismo universitarias dos campus de Ourense e Vigo abren mañá mércores en horario de luns a venres de 09.30h a 18.30h para membros da comunidade universitaria. Só se poderá acceder ás instalacións cunha reserva previa con, polo menos, 24 horas de antelación ao momento do uso. A reserva deberá realizarse exclusivamente a través da aplicación informática Campus Activo en franxas horarias dunha hora e 45 minutos de duración e cun aforo de 20 persoas por quenda como máximo.

As e os usuarios deberán acceder ás instalacións coas súas propias máscaras e unha bolsa de desinfección que inclúa toalla e xel hidroalcólico. Deberán agardar ás súas quendas de entrada nun punto sinalizado canto menos a dous metros da porta de acceso á pista. Deberán lavar as mans con xel hidroalcohólico antes e despois da práctica e respectar en todo momento a distancia mínima interpersoal establecida polas autoridades sanitarias (no caso de adestramentos de carreira ou marcha: 10 metros de distancia e 2 metros de separación lateral) e recoméndase acceder ás instalacións cun calzado diferente ao que se traia da rúa.

Dende a Área de Benestar, Saúde e Deportes tamén lembran que non está permito o uso de duchas e vestiarios, nin está permitido compartir o material en ningún caso. As pistas empregaranse de forma individual, cunha distancia mínima de seguridade de entre 5 e 10 metros entre persoas e mantendo partes das rúas pechadas por seguridade. Tamén se habilitará un único foso de saltos horizontais que se deberá usar de un en un e mantendo a distancia mínima de seguridade de 2 metros e non poderá haber máis de tres persoas por quenda. No referente ao uso das zonas de lanzamento de peso, os círculos de lanzamentos só se poderán usar de un en un, sen intercambiar material e cunha distancia de seguridade de 2 metros entre persoas.

Para o mantemento das instalacións atendendo ás medidas hixiénicas, disporanse aplicadores de xel hidroalcohólico e papeleiras preferentemente con pedal no interior das instalacións. As portas deberán estar abertas, de maneira que non sexa posible o seu peche polas persoas usuarias. O persoal de limpeza desinfectará as instalacións tendo en conta o nivel de ocupación que se produza en cada caso. Non está permitido o uso de cadeiras, bancos e colchonetas nin está habilitado o servizo de préstamo de material..

Pistas de tenis

No que se refire ás instalacións para a práctica do tenis, en Ourense estarán dispoñibles as pistas exteriores 1 e 2 en Ourense e, no caso de Vigo a pista polideportiva exterior de céspede sintético (pistas 3 e 5) e as pistas individuais con peche perimetral (pistas 1 e 2). As instalacións poderán usarse de luns a venres de 9.30 a 18.30 horas baixo reserva previa a través da aplicación informática Campus Activo e só para a comunidade universitaria. A solicitude debe facerse cun mínimo de 24 horas de antelación, por franxas horarias dunha hora e para dúas persoas por quenda.

No que se refire ás condicións de uso, a Área de Benestar, Saúde e Deporte advirte que non está permitido o uso de vestiarios e duchas e que se habilitará un aseo masculino e outro aseo feminino no interior dos pavillón polideportivos. As persoas usuarias deberán respectar as distancias de seguridade e medidas de hixiene, así como achegar o seu propio material deportivo. Atendendo ao mantemento das instalacións, disporanse aplicadores de xel hidroalcohólico e papeleiras preferentemente con pedal no interior das instalacións. As portas de cada unha das pistas deben estar abertas, de maneira que non sexa posible o seu peche polas persoas usuarias. O persoal de limpeza desinfectará as superficies de redes, postes e papeleiras coa frecuencia necesaria.