As mulleres da Plataforma Feminista Galega iremos á Folga Xeral Feminista o 8 de marzo

O 8 de marzo o movemento feminista convoca unha Folga Xeral Feminista. Unha folga que transcende o produtivo (o que identificariamos como os paros laborais) e que vai dirixida tamén ao resto das nosas esferas vitais: os coidados, o consumo, a vida estudantil e asociativa
Publicado por o día 22/02/2018 na sección de Social,Colectivos Feministas

As mulleres da Plataforma Feminista Galega iremos á Folga Xeral Feminista o 8 de marzo

A convocatoria da folga feminista ven traballándose por parte do movemento feminista desde a primavera de 2017. O ano pasado na Galiza algunhas organizacións feministas xa fixemos un chamado a secundar os paros de mulleres de dúas horas promovidos desde o movemento arxentino Vivas nos queremos contra a violencia de xénero. No 2017 parábamos de forma simbólica pero este 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, e por primeira vez na historia, organizarase unha folga legal para reclamar igualdade real de oportunidades e dereitos entre homes e mulleres.

O 8 de marzo, o movemento feminista convoca unha Folga Xeral Feminista a nivel nacional e internacional, co apoio de colectivos e organizacións sociais, sindicais e políticas. Esta Folga implica unha folga laboral, de coidados, estudantil e de consumo, e inclúe a todas as mulleres sexa cal for a súa procedencia, a súa clase, a súa idade ou a súa identidade de xénero, xa que todas somos violentadas, explotadas ou discriminadas, dunha ou outra forma, só polo feito de sermos mulleres.

Todo isto impide que a nosa sociedade sexa realmente unha sociedade xusta, igualitaria e democrática, xa que o 50% da poboación vese sistematicamente atravesada por estas desigualdades e violencias. E por iso, nós, as mulleres que formamos parte da Plataforma Feminista Galega, iremos á Folga Xeral Feminista o 8 de marzo.

A Folga Xeral Feminista busca a unidade de todas as mulleres á hora de plantarnos contra todas as desigualdades, contra as Violencias Machistas, contra a fenda salarial e a discriminación e explotación laboral… á vez que loitamos pola xustiza social, polo dereito á autonomía sobre os nosos corpos e as nosas vidas ou para dar visibilidade e que se recoñeza o traballo doméstico e de coidados, entre outras moitas cousas.

Tamén busca reflexionar colectivamente sobre que poden facer os homes para mudar esta situación tan inxusta, ante a que todos xa deberían mostrarse en contra, e que non pode limitarse a un único día, senón que o cambio debe continuar máis aló do 8 de marzo.

Por todo iso desde a Plataforma Feminista Galega facemos un chamamento á cidadanía a participar activamente e sumarse á Folga Xeral Feminista de 24 horas.

Salientar que a convocatoria de Folga Xeral Feminista é feita desde o movemento feminista e é portanto unha convocatoria apartidista, sen siglas nin cores, e cuxo único obxectivo é a loita polas lexítimas reivindicacións feministas en materia de xustiza social, dereitos das mulleres e contra as Violencias Machistas.

Como PFG entre as nosas accións de apoio á folga atópanse a posta en andamento de asembleas locais abertas en diferentes cidades, a difusión de información (manifestos, cartelaría, panfletos), tanto en redes como presencialmente, sobre os catro tipos de Folga que se van levar adiante, as súas causas e obxectivos, tentando chegar a todas as mulleres, e tamén aos homes, para que coñezan cal deve ser o seu papel, e sempre en permanente comunicación e coordinación cos feminismos dos diferentes territorios e a coordinación a nivel estatal.

Na mesma liña, daremos charlas informativas alí onde se nos requira, tanto en empresas como en asociacións, institutos, etc.

No referente á folga laboral, queremos destacar e informar que as mulleres que secunden a Folga Xeral Feminista de 24 horas terán cobertura legal para exercer este dereito xa que conta con cobertura legal tras ser apoiada a nivel estatal polos sindicatos CGT, CNT e a Confederación Intersindical.

Na Galiza CUT, SLG e SF Intersindical convocan greve feminista de 24 horas apoiando así as reivindicacións do movemento feminista. Doutra banda CIG, UXT e CCOO convocan paros de dúas horas por quenda. As mulleres poden elixir libremente que convocatoria seguir mas lembramos que o acordo do movemento feminista é parar o pais durante 24 horas.

No espazo web https://folgafeminista.org disponibilizamos o argumentario e as principais liñas reivindicativas desenvolvidas polas asembleas feministas que organizan a folga así como materiais para a súa divulgación.

O 8 de marzo as mulleres galegas estamos convocadas á Folga Xeral Feminista. A sororidade é a nosa arma; é a acción multitudinaria a que nos permite seguir avanzando. A data do 8 de marzo é do movemento feminista!