BNG defende no Congreso baixar a 10% o IVE dos salóns de peiteado, estética e barberías

Como xa fixo no debate dos Orzamentos do Estado, en que o BNG presentou unha emenda nese sentido, Néstor Rego acaba de rexistrar unha Proposición Non de Lei para que o Congreso inste o Goberno a adoptar unha medida máis necesaria que nunca para afrontar en mellores condicións a situación de crise social e económica xarada pola pandemia de COVID-19.
Publicado por o día 22/01/2021 na sección de BNG,Política

BNG defende no Congreso baixar a 10% o IVE dos salóns de peiteado, estética e barberías

O Bloque Nacionalista Galego, despois de manter varias reunións con representantes do sector, decidiu levar ao Congreso a demanda de baixar o tipo impositivo dos salóns de peiteado, barbería e estética de 21% actual a 10%. “Fixémolo primeiro cunha emenda nos Orzamentos Xerais do Estado, que foi rexeitada polo voto negativo dos dous partidos do Goberno, PSOE e Unidas Podemos” salientou o deputado nacionalista, Néstor Rego. Agora o BNG rexistra de novo unha iniciativa para que esta mudanza sexa debatida unha vez máis no Congreso e se inste o Goberno a baixar o IVE a 10%.

O BNG denuncia que o sector paga neste momento as consecuencias dunha decisión inxusta. En setembro de 2012, en plena crise económica, o Goberno do Partido Popular aprobou unha suba do IVE para algunhas actividades de 8 a 21%, de modo que os salóns de peiteado e estética tiveron que facer fronte a un incremento de 13 puntos dun día para outro. Debido precisamente á baixada do consumo naquel momento de inestabilidade económica o sector decidiu manter os prezos estábeis, isto é, non trasladaron a suba á clientela, pois tal e como prometera daquela o Goberno de Rajoy, a suba do IVE neste sector ía ser temporal. “Outras actividades viron cumprido o compromiso e xa teñen de novo o IVE en 10%, mais os salóns de peiteado, barberías e estéticas continúan a padecer o tipo máis alto do imposto” sinalou Rego.

O deputado nacionalista destacou que “máis de oito anos despois o sector, ao igual que toda a sociedade, está a vivir outra profunda crise económica derivada da COVID19. As restricións horarias, as limitacións á mobilidade, a redución dos a foros, e a minguada capacidade adquisitiva de usuarios e usuarias, fan que manter as portas abertas sexa un desafío todos os días”. A pesar de que durante o máis duro do confinamento, en pleno Estado de alarma, os salóns de peiteado foron consideradas unha actividade esencial e seguiron abertas dando un servizo público, o BNG considera que non encontraron nos Gobernos a axuda que necesitaban e viron denegada a única medida que reclamaban de forma urxente para poder seguir abrindo todos os días: a baixada do IVE a 10%. Néstor Rego salientou que “efectivamente, as perruqueiras e perruqueiros cumpren unha importante función social, pois, ademais da estética, encárganse de atender as necesidades de moitas persoas dependentes ou de avanzada idade para as que o lavado de cabelo e peiteado non é vaidade, é hixiene”.

Por esta razón, o BNG considera que é de xustiza e ademais non repercutiría negativamente na recadación na medida en que esta baixada do IVE que serviría de axuda directa e permitiría manter abertos moitos negocios que doutro modo, advirte, se verían na obriga de fechar -como xa pasara na anterior crise- ou pasar á economía somerxida no servizo a domicilio e que, por tanto, deixarían de pagar impostos, mentres que a baixada permitirá que sigan contribuíndo á Facenda pública.

Comentar noticia

Your email address will not be published.