Dignificar a carreira investigadora; incrementar o investimento en I+D+i; cambiar o modelo de xestión dese investimento; crear un Pacto Galego pola Investigación e a posta en valor de todos os sectores da investigación en Galicia. Estas son algunhas das principais demandas da recentemente creada Rede Galega pola Investigación, InvestiGal, que aspira a dar acubillo a todas aquelas persoas implicadas no sistema público de investigación galego, con independencia da escala laboral na que se atopen, para tratar de resolver os “problemas transversais” de todo o sector.
A rede naceu oficialmente o pasado 29 de febreiro como resultado dunha serie de xuntanzas e mobilizacións que tiveron lugar nos campus das tres universidades galegas. Dende entón, conta xa cun cento de persoas asociadas, arredor de 35 da UVigo, e agardan que o crecemento sexa exponencial a medida que se dea a coñecer e comecen a realizar actividades. Entre os seus obxectivos está o de facer chegar as súas propostas a actores políticos de cara ás vindeiras eleccións autonómicas. Realizarase tamén unha rolda de xuntanzas coas persoas responsables das áreas de investigación e organización académica das universidades e co resto do tecido da ciencia galega, como OPIs, fundacións ou hospitais “para facerlles chegar a nosa problemática e a nosa problemática e a nosa visión”, explican.
Principais demandas
A principal demanda resúmese na dignificación da carreira investigadora, “con medidas que permitan obter recoñecemento, estabilidade, homoxeneidade de condicións laborais, regularidade nas convocatorias e opcións á continuidade”. Outra das principais patas da rede á a demanda dun incremento do investimento en investigación en Galicia. Neste sentido, lembran que dende o 2008, “coa confluencia da crise económica e o cambio de goberno na comunidade, a investigación galega perdeu investimento e capacidade de xestión dos recursos”. Explican que se perderon programas que definían, “non sen problemas, unha carreira investigadora, e se substituíron por outros máis precarios que carecían de planificación ou continuidade; desaproveitáronse fondos europeos, e parte do orzamento dirixiuse, sen éxito, a atraer investimento privado mediante créditos que non se pedían”. Para reverter esta situación avogan pola creación dunha Fundación Galega para a Investigación, semellante á que existen en Euskadi e Cataluña, “que xestione a inversión de xeito más racional pensando na correcta xeración do coñecemento e fuxindo de intereses a curto prazo (o que dura unha lexislatura)”. InvestiGal aprobou unhas Liñas programáticas que poden ser consultadas aquí.
Consideran tamén necesario crear un Pacto Galego pola Investigación así como o reforzo da universidade pública como sostén do coñecemento e o traballo a prol da igualdade, tanto dende o punto de vista de xénero, como no que se refire ao recoñecemento de todos os sectores da investigación en Galicia, en todos os eidos, dende técnicos de laboratorio e persoal en formación ata catedráticos. Asemade tamén defenden un compromiso de boas prácticas e transparencia por parte da universidade, “que evite situacións de indefensión por parte do persoal contratado de duración determinada”.
Unha rede aberta a todos
A rede naceu dunha masa crítica do tecido investigador con interese en abordar problemas transversais da ciencia en Galicia. Aínda que o perfil predominante é o de persoas que se atopan nas etapas iniciais da súa carreira investigadora, que son as que sofren “na propia pel a situación de precariedade do sector”, a asociación é totalmente transversal. “É certo que algunhas das nosas reivindicacións, as referidas ao desenvolvemento dunha carreira investigadora, poden parecer alleas ó PDI estabilizado, pero tamén iso lles afecta, xa que somos o persoal dos seus grupos”, lembran. Por outra parte, tamén puntualizan que moitas das súas reivindicación, como a creación dunha fundación, as boas prácticas e a transparencia institucional ou o fomento dun Pacto pola investigación “son transversais”, afectan a todos os sectores e estamentos do persoal investigador, motivo polo que algúns investigadores estables xa mostraron interese pola asociación ou se uniron.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.