Micropoesías, microrrelatos e agora microteatro. Xa está en marcha a terceira edición do Microconcurso da biblioteca da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, convertido este ano nun concurso no que o que se buscan son pezas teatrais, historias cunha extensión máxima de 100 palabras de diálogos e de título (caso de que o teña) e outras 50 anotacións e nomes de personaxes.
O ano pasado presentáronse preto de 30 obras e este ano a expectativa do persoal da biblioteca, impulsores desta iniciativa, é superar esta cifra. “De momento a cousa non está moi animada, pero entendo que, ao estar cos exames, a prioridade é outra e isto quedará para última hora, que é o que nos acostuma a pasar”, explica Tina Parcero, técnica especialista da biblioteca, quen admite que ela non deixa de animar a participar a todas e todos os que pasan polas instalacións.
Aberto a toda a comunidade universitaria
Aberto a toda a comunidade universitaria, agás o propio personal da biblioteca da EE de Telecomunicación, os textos que se presenten ao concurso teñen que ser orixinais e, xunto aos requisitos de extensión xa mencionados, permítense 15 emoticonas feitas con signos ortográficos, se se opta por facelo como un chat, pero non outras imaxes. “Ademais, aínda que se nos esqueceu especificalo nas bases, é importante que o texto das acotacións se poña en cursiva”, recalca Parcero. O tema e a forma son libres e a lingua empregada ten que ser o galego. Cada participante poderá presentar cantas obras queira, concursando cada unha de xeito individual.
As persoas interesadas en participar teñen de prazo ata o vindeiro mércores 16 de maio para facelo e nas bases do concurso poden consultar os detalles (tipo de letra, número de copias…) Conforme se vaian recibindo propostas exporanse na cristaleira do mostrador, identificadas só cun número, para garantir o anonimato de cada unha delas. Despois, do 18 de maio ao 14 de xuño, os usuarios e usuarias da biblioteca poderán votar a súa obra favorita, nunha urna disposta para iso no propio mostrador. O 15 de xuño farase o reconto e proclamarase un gañador ou gañadora.
O premio consistirá nun kit de iniciación de Arduino, doado pola Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e un diploma acreditativo.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.