Campus do Mar conmemora o Día Mundial dos Océanos cun concurso de fotografía e debuxo

Aberto a toda a cidadanía, poden enviarse propostas ata o 29 de maio
Publicado por o día 11/05/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Campus do Mar conmemora o Día Mundial dos Océanos cun concurso de fotografía e debuxo

Debuxos e fotografías que reflexen a beleza do mar, a súa biodiversidade e o seu papel como espazo de unión de familia e amigos ou como fonte de recursos e economía azul. Estes son os eixos principais do concurso de fotografía e debuxo que Campus do Mar organiza no marco da celebración do Día Mundial dos Océanos o vindeiro 8 de xuño.

Baixo o título Océanos que unen, o proxecto está dirixido a toda a cidadanía polo que todas aquelas persoas interesadas en participar poderán enviar a súa posposta ata o vindeiro venres 29 de maio ás 14.00h. O único requisito é que as imaxes e debuxos sexan orixinais e inéditos e que teñan como protagonista o océano. O concurso de debuxo está orientado aos máis pequenos da casa e conta con tres categorías que van dos 3 aos doce anos. Por outra banda, o de fotografía dividirase en dúas categorías: unha para mozas e mozos de entre doce e dezaseis anos e outra para todos aqueles maiores de dezaseis.

Cada participante soamente poderá enviar unha fotografía ou debuxo que serán posteriormente avaliados e un xurado composto cinco membros do Campus do Mar seleccionará os traballos premiados. Os galardoados daranse a coñecer nun acto virtual que terá lugar o día 8 de xuño.

Debuxo para os máis pequenos da casa

O certame de debuxo, dirixido a nenas e nenos de educación primaria, dividirase en tres categorías: de 3 a 5, de 6 a 8 e de 9 a 12 anos. As e os participantes terán a liberdade de utilizar a técnica que prefiran xa que o que se valorará da obra non será a utilización de ceras, témperas, acuarelas… senón a orixinalidade e a calidade do debuxo presentado, tendo sempre en conta a idade do seu autor. Neste caso, a idea é que as obras reflexen a beleza do mar, a súa diversidade e o seu papel como espazo de unión e encontro de familia e amigos.

Cada participante soamente poderá presentar un debuxo que ha de ser orixinal e inédito, dado que non se admitirán debuxos presentados ou premiados noutros certames. As propostas deben enviarse a [email protected] en formato JPG ou PDF cun tamaño máximo de 12 Mb.

Fotografía para maiores de 12 anos

O concurso de fotografía está orientado a persoas maiores de doce anos que presentarán os traballos en dúas categorías distintas segundo o rango de idade. Unha para rapazas e rapaces de entre doce e dezaseis anos e outra para maiores de dezaseis. No que se refire á temática, estableceranse catro categorías: procesos mariños, biodiversidade, o mar como fonte de recursos e economía azul e o mar como espazo de unión e reunión.

A fotografía enviada deberá ser, ao igual que o debuxo, propiedade do autor, orixinal e inédita. Deberá presentarse en formato dixital, arquivo JPG, cun tamaño máximo de 12 Mb e unha resolución mínima de 300dpi.

As bases non contemplan limitacións en canto ás modificacións da imaxes sempre que se usen para aplicar filtros globais que melloren a calidade da imaxe como brillo ou contraste pero nunca para engadir ou eliminar elementos, mesturar varias fotografías ou modificar a súa composición. No caso de amosar rostros recoñecibles, tamén deberán levar adxunta a correspondente autorización de uso de imaxe.

Premios segundo idade e categoría

Tanto os máis pequenos como os maiores serán galardoados con distintos agasallos. No concurso de debuxo outorgaranse tres premios por categoría de idade. O primeiro constará dun certificado de embaixador ou embaixadora infantil do Campus do Mar xunto cunha impresión do debuxo gañador en artigos de comercialización do CdM e un regalo de temática mariña. Por outra banda, o segundo e o terceiro premio serán galardoados cunha mención de honra e un regalo de temática mariña. Así mesmo, todos os gañadores poderán gozar dunha visita guiada, acompañados dun adulto, á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat).

Para aqueles que decidiran presentarse ao concurso de fotografía, o premio consistirá nun paseo en veleiro para dúas persoas outorgándose unha viaxe por categoría e grupo de idade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.