Hai contextos nos que non falar é unha forma de comunicar, de desentenderse das realidades incómodas e dos segredos que se queren agochar. E é que como sostén o sociólogo Pierre Bourdieu “a presión ideolóxica que máis éxito ten é a que non precisa recorrer ás palabras senón só a que se basea no “deixar facer” e na complicidade do silencio”. Fronte a isto, a literatura é un boa ferramenta para falar do infalable, para expoñer e denunciar os aspectos máis escuros da sociedade. É o caso de boa parte do panorama literario irlandés, que se ten erixido contra as prácticas culturais do silencio, e en cuxo estudo xe centra o proxecto Intruths, do que forman parte especialistas das universidades de Vigo, Deusto, Leuven, Galway, Alcalá de Henares e University College of Cork, coa docente Teresa Caneda, do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, como investigadora principal.
Tras o primeiro ano de traballo deste proxecto, os seus socios reuníronse este venres na Facultade de Filoloxía e Tradución no International Colloquium Inconvenient Truths: Silences, Scandals and Secrets in Modern Ireland. Segundo explica a profesora Teresa Caneda, con esta xuntanza trátase de “fomentar o diálogo e intercambio de ideas” entre investigadoras e investigadores de Vigo, Alcalá de Henares e Deusto, así como da National University of Ireland e da University College Cork, e coa colaboración de dúas docentes da USC.
A conferencia plenaria correu a cargo de Margaret Kelleher, da University College Dublin, autora dun libro no que aborda un caso moi polémico da historia de Irlanda, os asasinatos de Maamtrasna, no que as barreiras lingüísticas acabaron por condenar a morte inxustamente aos acusados. Trátase dun “silencio moi interesante”, en palabras da IP do proxecto, “o silencio no que viviron os falantes de gaélico irlandés na época colonial perante as institucións británicas que vehiculaban o seu funcionamento a través da lingua inglesa”. Na súa intervención, Kelleher abordou a relación entre lexislación e interpretación en Irlanda, tanto dende unha perspectiva histórica como actual, estendendo esta reflexión de denuncias a situacións de interpretación e mediación lingüística e cultural da actualidade que “discriminan, silencian e invisibilizan os dereitos dos cidadáns pola súa precariedade”.
Obras literarias e un filme que foi censurado nos anos 60
Ao longo da xornada, os poñentes analizaron algúns exemplos de obras literarias, xunto cunha película que foi censurada no seu día (Rocky Road to Dublin), para ver o xeito no que os autores poñen voz ás verdades incómodas. Son todas novelas moi recentes, explica Caneda, das que se está a falar nos medios de comunicación en Irlanda, “sempre pendentes de como os seus artistas e escritores rexistran os conflitos e a complexidade dunha sociedade cambiante e complexa que se sitúa, ás veces de xeito esquizofrénico, entre a modernidade dunha sociedade que abrazou cambios sociais transformadores nos últimos anos e o peso da tradición que inmobilizou e impediu eses cambios moitos anos”.
Entre as publicacións abordadas están The Cruelty Men, de Emer Martin; Milkman, de Anna Burn; Solar Bones, de Mike McCormack ou a figura e obra da poetisa Mary Travers, nai de Oscar Wilde. Nestes libros os seus autores exploran desde perspectivas diferentes eses contextos nos que “non falar é unha forma de comunicar, de desentenderse”. Segundo Caneda “os escritores irlandeses caracterízanse pola profunda implicación á hora de expoñer e denunciar os aspectos máis escuros da sociedade que afectan á vida dos cidadáns, aspectos que teñen que ver coa censura, as políticas inxustas e opresivas, as violencias e as manipulacións silenciosas que afectan aos dereitos esenciais dos cidadáns”. As súas obras, ademais de denunciar as inxustizas, serven tamén, engade a profesora da Universidade de Vigo, para “curar feridas e sinalar novas alternativas de existencia ante os erros do pasado”. Isto é así, apunta, porque para os artistas irlandeses “é moi importante actuar aí onde non actuaron as institucións nin os político: non calar, revisar o pasado e falar do que non se falou antes. Así, escribir convértese nunha vía para conmemorar e recordar pode ser un acto revolucionario, transformador e conciliador que debe ter significado no presente”.
Un ano de traballo no proxecto Intruths
O proxecto Intruths céntrase en explorar como escritoras e escritores irlandeses contemporáneos volveron a súa atención sobre historias silenciadas e verdades non rexistradas que os discursos normativos e institucionais suprimiran por seren “diverxentes da verdade oficial”. Trátase de investigar “de que modo as e os escritores de Irlanda buscan interrogar estas historias silenciadas e verdades ocultas e, ao mesmo tempo, pretende sacar á luz as implicacións éticas deste tipo de ficción que funciona como unha forma de resistencia ante o arraigo das prácticas culturais do silencio”, resume Caneda.
Ao longo deste primeiro ano do proxecto, desenvolvéronse varias actividades, como o seminario internacional Speaking the Unspeakable: Approaches to Silence in Contemporary Ireland en Vigo en setembro de 2018 e o panel Landscapes of Silences no XVII Congreso Internacional de la Asociación Española de Estudios Irlandeses AEDEI, en Compostela. Ademais, a profesora Teresa Caneda realizou unha estadía de investigación de sete meses na School of English, Drama and Film, da University College de Dublin e o proxecto participa, xunto co Research Cluster Creative, Liveable and Sustainable Communities, no Whitaker Institute, implicándose no diálogo transdisciplinar con investigadores irlandeses de ciencias sociais e humanidades nun contexto de proxección internacional. Tamén se publicaron traballos científicos dos membros do proxecto en revistas científicas como Estudios Irlandeses, Studi Irlandesi, New Hibernia, Atlantic Studies, Irish University Review e Irish Studies Review.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.