Carmela Silva reivindica a necesidade de impulsar proxectos ligados á economía azul no workshop “Retos Atlánticos”

“Estamos nunha emerxencia climática”, subliñou Carmela Silva quen manifestou o “compromiso total e absoluto do goberno provincial coa transición ecolóxica”
Publicado por o día 27/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Carmela Silva reivindica a necesidade de impulsar proxectos ligados á economía azul no workshop “Retos Atlánticos”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou esta mañá xunto ao reitor da Universidade de Vigo, a conselleira técnica do Ministerio de Asuntos Exteriores, a dirctora xerente do CETMAR e o tenente de alcalde de Baiona, no workshop Foro Atlántico celebrado en Baiona para reflexionar e debater sobre cuestións relacionadas coa biotecnoloxía, pesca, acuicultura, enerxías oceánicas, resiliencia costeira e economía azul. A presidenta provincial aproveitou o día de hoxe, no que tamén se celebra a folga mundial polo clima, para reivindicar que “estamos nunha emerxencia climática” e é preciso “rachar co actual modelo económico baseado no consumo irracional e impulsar proxectos ligados á economía azul”. Neste eido, Silva manifestou o “compromiso total e absoluto do goberno provincial coa transición ecolóxica, con xerar outro mundo, outra economía que nos permita vivir en contornas máis saudables e respectuosas”.

“Hoxe, venres, está a haber manifestacións en todo o mundo que reclaman ás políticas e políticos, ás administracións e ao conxunto da sociedade respostas que solucionen os interrogantes do mundo que estivemos construíndo no século XX”, destacou Carmela Silva.  A presidenta provincial reivindicou que “non podemos seguir con este modelo económico de consumo irracional, que está a xerar xa cinco illas de plástico nos oceános, que está a xerar acidez nos mesmos… E non hai vida sen os océanos e polo tanto a economía non pode mirar a outro lado”.

Precisamente en canto á economía azul, a presidenta da Deputación destacou que se trata dun concepto “que ten unha importante incidencia no desenvolvemento económico e na xeración de emprego”. Por estes motivos, para Silva “temos que apostar pola economía azul, que fala de todas as actividades ligadas co sector pesqueiro, pero tamén co turismo de costa e con todas aquelas actividades relacionadas co mar que nos van permitir mellorar as nosas contornas. Falamos dunha obriga ética, política e económica, precisamos deixarlles ás vindeiras xeracións un mundo no que poidan vivir”.

Para a presidenta provincial as xornadas desenvolvidas hoxe en Baiona son ferramentas de utilidade para “reflexionar todas as administracións, de xeito conxunto, da man do coñecemento e da intelixencia para tomar decisións intelixentes que nos permitan avanzar da man de proxectos ligados á economía azul”. Deste xeito Silva agradeceu ao equipo de apoio do Plan de Acción do Atlántico a posta en marcha do workshop que contribuirá a “lanzar propostas, proxectos de futuro e ideas diferentes e alternativas para poder resolver esta situación de emerxencia climática”.

O workshop “Retos Atlánticos” que se celebrou hoxe centralizou en Baiona a todos os actores do sector mariño e marítimo a nivel nacional, así como profesionais da investigación e da tecnoloxía, que puxeron en común as súas ideas e visibilizaron os seus proxectos centrados na biotecnoloxía azul, pesca, acuicultura, enerxías oceánicas e resiliencia costeira. Tamén se presentaron os desafíos en materia de economía azul e o mecanismo de apoio do Plan de Acción do Atlántico.