Chegan á Universidade as primeiras defensas de proxectos STEMBach

Presentaron traballos alumnas e alumnos do IES A Sangriña de A Guarda e A Paralaia de Moaña
Publicado por o día 18/05/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Chegan á Universidade as primeiras defensas de proxectos STEMBach

Son pioneiros na participación neste programa, por iso o seu exemplo vai servir de guía para todas as alumnas e alumnos interesados en participar no denominado STEMBach, Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e á que a Universidade de Vigo se uniu desde o primeiro momento. Os institutos A Sangriña de A Guarda e Plurilingüe A Paralaia de Moaña foron dous dos centros que primeiro se uniron a esta experiencia e, dous anos despois, os seus alumnos e alumnas son tamén dos primeiros en defender publicamente os seus traballos, proxectos de investigación nos que levan traballando durante os dous últimos cursos.

Se ben a previsión era que estes proxectos se defendesen antes do mes de maio, a situación provocada pola emerxencia sanitaria fixo que houbese que retrasar estas datas e só estes dous centros optaron por defender os seus proxectos no mes de maio de forma virtual a través das aulas do Campus Remoto da UVigo. Hai uns días fixérono os alumnos do  IES A Sangriña, titorizados desde a Facultade de Ciencias do Mar, e este luns continuaron as defensas de proxectos, neste caso na Facultade de Bioloxía, coas alumnas e alumnos do IES Plurilingüe A Paralaia. O resto de centros decidiron trasladar as presentacións ao mes de xullo coa esperanza de poder facelo de xeito presencial.

Dous cursos de traballo voluntario

Participaron nas presentacións sete alumnos e alumnas do IES A Sangriña e nove da Paralaia. Divididos en grupos, estas mozas e mozos levan traballando duramente ao longo dos dous últimos cursos nestes proxectos científicos, de forma totalmente voluntaria como unha actividade extraescolar desenvolta fóra do seu horario lectivo, co apoio de docentes do seu instituto e de profesorado universitario. Pero o esforzo non foi en van, durante estas presentacións tiveron a oportunidade de demostrar ante un tribunal que saben como é preparar e defender un proxecto de investigación.

Divididos en tres grupos, o alumnado do IES Plurilingüe A Paralaia, defendeu os seus traballos ante un tribunal composto polo director do instituto, Álvaro Rodríguez; o coordinador do programa STEMBach no centro, Carlos Velasco, e a profesora da Facultade de Bioloxía, Diana Valverde. Titorizados polo catedrático do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía, Emilio Rolán, o primeiro grupo en expor presentou un traballo sobre o polimorfismo da cor da concha nun caracol mariño do intermareal; o segundo, titorizados pola catedrática Paloma Morán, afondaron na identificación xenética de animais seguindo a estratexia do proxecto Barcod+ing of life, unha metodoloxía que permite a identificación por métodos xenéticos de calquera especie.

O terceiro grupo titorizouno o profesor do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde, Manuel Megías, e consistiu en afondar no coñecemento das neuronas a través dos anticorpos. Este traballo estaba dirixido a identificar, observar e caracterizar poboacións de neuronas na cortiza cerebral, para o que empregaron seccións de cerebro de rata, tanto en parafina como en flotación.

Achegándose aos laboratorios científicos “con gran curiosidade”

“Eu penso que para o alumnado o máis importante non foron os coñecementos adquiridos, senón o proceso mediante o cal puideron adquirilos”, explica a profesora Diana Valverde, quen recalca o feito de que a través deste programa estes estudantes tiveron a oportunidade de achegarse “con gran curiosidade e respecto” aos laboratorios científicos, e “viron técnicas e procedementos complexos de maneira moi directa, espertando así vocacións”.

“Non sabían que ían a facer, que ían atopar… Agora, dous anos despois, xa saben, a pequena escala, como funciona a universidade e como se leva a cabo a investigación nela, unha cuestión importante se temos en conta que son estudantes de bacharelato científico”, explica o profesor Carlos Velasco, ao que engade que a día de hoxe estas alumnas e alumnos saben como é preparar un proxecto de investigación e defendelo e iso colócaos con vantaxe respecto ao resto dos seus compañeiros á hora de realizar os seus Traballos Fin de Grao. “Ademais, o feito de enfrontarse a metas novas e descoñecidas do que ata agora estaban facendo, e moi ben, vainos axudar no futuro a enfrontarse aos retos que a vida lles presente cunha experiencia previa”.

Desde o punto de vista do profesorado universitario, Valverde explica que esta experiencia supuxo un grande esforzo, pois entre todos houbo que axustar horarios e actividades, “pero foi algo que se fixo con moita ilusión e, ao ver o moito interese que espertaron os temas propostos entre o alumnado, o esforzo queda compensado”.

16 centros da UVigo participan no programa STEMBach

Desde o principio a maioría (16) dos centros da UVigo manifestaron interese por participar no programa STEMBach, se ben a día de hoxe son dez as escolas e facultades que teñen proxectos en activo con centros de ensino secundario, tanto das provincias de Pontevedra e Ourense como da Coruña. “Ademais, hai outros dous centros que están a traballar na actualidade con diferentes institutos para incorporarse ao programa de inmediato”, explica a vicerreitora de Captación de Alumnado, Natalia Caparrini, quen explica que os centros con programas activos son as escolas de Enxeñaría Informática, Aeronáutica e do Espazo, Enxeñaría Industrial e Enxeñaría de Minas e Enerxía, xunto coas facultades de Historia, Filoloxía e Tradución, Bioloxía, Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias do Mar e Química.

Estes centros colaboran na actualidade con dez institutos: oito na provincia de Pontevedra, un na de Ourense e outro na Coruña. “Para nós como Universidade esta experiencia está a ser moi positiva desde o primeiro momento, primeiro pola resposta por parte do profesorado e os centros da UVigo, que rapidamente se sumaron a esta iniciativa da Xunta de Galicia e que están a traballar con cóbado con cóbado cos IES dunha maneira totalmente desinteresada, pero tamén polo obxectivo do proxecto,  incentivar a vocación pola investigación e polos estudos científicos e tecnolóxicos, algo prioritario no marco das actividades STEAM que dende esta vicerreitoría se están a promover”, recalcou Caparrini.

Comentar noticia

Your email address will not be published.