Confirmados en Galicia un total de 135 casos positivos de infección por coronavirus

Esta mañá produciuse o falecemento, na área de Vigo, dunha muller de 92 anos, con múltiple patoloxía, que se atopaba ingresada no Hospital Povisa, e que dera positivo importado na proba de coronavirus
Publicado por o día 14/03/2020 na sección de Galicia,Salud,Sanidad

Confirmados en Galicia un total de 135 casos positivos de infección por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización de hoxe, o número de casos confirmados de coronavirus en Galicia ascende a 135, deles 55 son da área da Coruña, 7 da de Lugo, 15 da de Ourense, 13 da de Pontevedra, 23 da área de Vigo, 17 da de Santiago, e 5 da de Ferrol. Debido ao cambio de protocolo introducido polo Ministerio, infórmase sobre os casos de infección con resultado positivo realizados na nosa Comunidade Autónoma.

Do total de pacientes positivos, 7 permanecen en UCI, 27 están en unidades de hospitalización e 101 no domicilio. Por outra banda, rexistráronse xa as tres primeiras altas de pacientes, no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; e un falecemento na área de Vigo, dunha muller de 92 anos, con múltiple patoloxía, que se atopaba ingresada no Hospital Povisa, e que dera positivo na proba de coronavirus. Tratábase dun caso importado.

O total de PCR realizadas polo Sergas é de 1.087.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias, e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.