Afundación, a Obra Social de ABANCA; a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia e o Centro Pen de Galicia convocan a decimonovena edición do Premio de Poesía Afundación co obxectivo de promover o uso da lingua galega na creación poética. As bases pódense consultar aquí.
As persoas interesadas en participar poderán presentar obras inéditas, que non concorresen a ningún outro concurso e cunha extensión mínima de 600 versos, ata o 31 de xullo de 2021. O xurado cualificador estará constituído por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario. Como presidente exercerá o titular do Centro Pen de Galicia, Luís G. Tosar e como secretario o director desta entidade, Xabier Castro Martínez. A súa decisión farase pública a través dos medios de comunicación no outono de 2021. O texto gañador recibirá un único premio de 6000 euros e será publicado, ademais, na colección «Arte de Trobar», editada polo Centro Pen de Galicia e Afundación.
A HISTORIA DO PREMIO
O galardón nace no ano 2002 a instancias do Pen Club de Galicia e de Afundación co obxectivo de reforzar a imprescindible produción poética en galego e continuar o enriquecemento da creación cultura galega actual.
No seu elenco de gañadores figuran poetas como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle
Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello e Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo, Miguel Sande ou Oriana Méndez, gañadora da pasada convocatoria.
Esta edición número dezanove conta co apoio e a participación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais, que vén colaborando desde hai anos con esta cita de referencia na axenda cultural galega, ao tempo que estimula a creación literaria. Afundación e o Centro Pen de Galicia, tras dezanove anos de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galegas, continúan traballando por un xénero indispensable na renovación estética e para a normalización da lingua galega.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.