Convocados os concursos de carteis, fotografía e redacción da LIII Festa da Troita

O Concello de Ponte Caldelas adianta o calendario para afastalo da campaña electoral das Municipais
Publicado por o día 06/02/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Convocados os concursos de carteis, fotografía e redacción da LIII Festa da Troita

Ponte Caldelas adianta este ano o calendario para os concursos de Redacción, Carteis e Fotografía da Festa da Troita. As bases, que xa foron aprobadas pola Xunta de Goberno Local e están colgadas no sitio web www.pontecaldelas.org, establecen como prazo para a presentación dos traballos entre o 15 deste mes de febreiro e o 15 de marzo. Esquívase deste xeito a coincidencia coa precampaña das próximas Eleccións Municipais do mes de maio.

Os premios van dunha tableta electrónica para o concurso escolar de Redacción, a recompensas económicas de 400 euros para o mellor cartel, e de 300, 200 e 100 euros, respectivamente, para as tres mellores fotografías.

O concurso de Carteis está aberto aos formatos comprendidos entre 45×60 e 70×100 centímetros coa inclusión obrigada das lendas “LIII Festa da Troita” e “Ponte Caldelas 2019”. Cada artista poderá presentar un máximo de dous traballos, que deberán entregarse nas oficinas municipais.

O concurso de Fotografía basearase en imaxes sobre a Festa da Troita, o municipio, labores tradicionais, as xentes ou aspectos relacionados con Ponte Caldelas e a sostibilidade. Non se admiten imaxes manipuladas con programas gráficos. O tamaño mínimo das copias debe ser de 15×20 centímetros e poden ser a cor, branco e negro, brillo ou mate.

Os certames de Carteis e Fotografía teñen normas comúns para a selección das obras gañadoras. En primeiro lugar admítese un máximo de dous traballos por autor. Deben estar identificados cun lema no dorso, incluíndo un sobre á parte, identificado no exterior co mesmo lema e os datos persoais no interior. O xurado seleccionará tres carteis e nove fotografías. Tódolos carteis e fotografías presentados serán expostos entre os días 25 e 29 de marzo na Casa da Cultura. Os gañadores serán aqueles, de entre os seleccionados polo xurado (que estarán indicados), que reciban máis votos da veciñanza de Ponte Caldelas.

En canto ao concurso escolar de Redacción, inclúe dúas categorías (de 9 a 11 anos e de 11 a 18 anos). A temática debe versar sobre as tradicións, festas, paisaxes, contos ou calquera outro tema sobre Ponte Caldelas, así como o concepto de sostibilidade e medio ambiente. Poderanse presentar escritos a man, sempre que a letra sexa lexible. O premio, inclúe, ademais da tableta electrónica, a publicación do texto na revista da Festa da Troita.

Os traballos entregaranse no Centro Cultural de Ponte Caldelas ou ben ao mestre que funcione como responsable en calquera dos centros educativos do municipio. Deberán entregarse en sobre pechado sen ningún tipo de dato persoal. Estes datos deberán ir en sobre á parte, acompañando a obra.