Ponte Caldelas prepara xa a segunda edición do seu Entroido de Verán, que chega o próximo sábado, 16 de xuño, cunha gran expectación e importantes novidades. A día de hoxe xa confirmaron a súa presencia 5 comparsas e outros tantos grupos, incrementando así a presencia destes colectivos.
O Goberno local caldelán, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, ve con satisfacción o interese que esta segunda edición está a espertar, pois as consultas no Concello son case diarias cando aínda faltan máis de dúas semanas para que remate o prazo de inscrición, data fixada no xoves, 14 de xuño.
A convocatoria deste ano mantén o mesmo formato do ano pasado cun desfile que partirá do paseo da Calzada ás 21.00 horas. A concentración abrirase a partir das 19.30 horas e o percorrido será o mesmo, con remate na Alameda. Ponte Caldelas volve apostar tamén por alongar a festa cunha verbena que, á súa vez, serve como escenario para a entrega de premios.
Sen embargo, este ano chega con importantes novidades coa introdución da categoría das “drag queen”, con tres premios de 300, 200 e 100 euros, respectivamente. Asemade, Ponte Caldelas introduce unha nova categoría co premio ao mellor disfraz entre o público. A persoa que acade esta distinción obterá 75 euros.
O alcalde, Andrés Díaz, destaca que o éxito do Entroido de Verán de Ponte Caldelas, fuxindo da incerteza e os rigores meteorolóxicos do inverno, é un feito. Tan é así que municipios da contorna, como Fornelos de Montes xa optaron por seguir o exemplo caldelán, un dato que saúda como moi positivo na medida en que contribúe a crear un “circuíto” que potencia o intercambio e a participación de grupos locais.
Ponte Caldelas apostou por unha fórmula que consiste nun Entroido tradicional de inverno, cunha festa de disfraces no local da discoteca e o Entroido na rúa a principios de xuño, pouco despois da Festa da Troita. Un cambio que xa o ano pasado foi moi beneficioso para a hostalería local, que rexistrou unha actividade efervescente ata altas horas da madrugada.
As bases do Entroido especifican que as comparsas, que se reparten tres premios, deben contar con 15 participantes como mínimo e poden ir acompañadas de carroza. O xurado valorará a música en directo e a interpretación en xeral. Os grupos, con cinco premios en total, terán como mínimo 5 participantes e poden ir acompañados de carroza. Só se esixe que teñan unha unidade temática recoñecible.
Os disfraces individuais e por parellas disputaranse tres premios en cada categoría, ao igual que as “drag queen” que este ano son a novidade principal. Con premios únicos figuran as categorías ao mellor disfraz infantil e ao mellor do público.
A inscrición pode formalizarse no Rexistro do Concello de Ponte Caldelas, ben en persoa ou a través da sede electrónica. O formulario e as bases están dispoñible no sitio web do Concello de Ponte Caldelas
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.