O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Vigo no encontro Venres Autónomos, unha iniciativa para coñecer de preto a realidade do colectivo dos traballadores por conta propia e escoitar cales son as súas demandas.
Conde destacou o valor dos autónomos para a economía galega, onde un de cada cinco traballan de xeito independente, asegurando que son un dos principais sectores do tecido produtivo autonómico –describíndoos como “a forza do noso país”-, e que representan un motor de emprego e riqueza para toda a comunidade.
Deste xeito, o titular de Economía, Emprego e Industria remarcou a importancia da rolda de contactos dos Venres Autónomos para poder escoitar as necesidades do colectivo, de modo que se poidan ofrecer solucións conxuntas aos retos de futuro e á nova economía.
A este respecto, Conde apelou á necesidade de apostar pola dixitalización e polos novos produtos para adaptarse ás futuras condicións socioeconómicas. “O autónomo ten que desenvolver novas actividades e novos servizos que responden ás esixencias do novo consumidor dixital que demanda novas formas de consumo”.
O conselleiro, que sinalou que cada vez a cultura emprendedora en Galicia ten máis solidez, apuntou durante a súa intervención que, como Administración, cómpre apoiar aos autónomos para que poidan desenvolver as súas actividades, ademais de tomar exemplo deste colectivo como sinónimo de implicación, traballo constante e ilusión.
Galicia é a comunidade que conta cunha maior estabilidade para os seus traballadores autónomos, tendo 6 de cada 10 negocios máis de cinco anos de antigüidade. A través da Estratexia Autónomo 2020, un acordo consensuado co sector a través da Mesa do Autónomo, achéganse medidas para facer máis doado o día a día dos traballadores, que inclúen o fortalecemento do negocio, a contratación (sobre todo de mulleres e xente nova) e a atención ás novas demandas. Pódese obter información de todos estes apoios a través da Oficina do Autónomo.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.