Desconvocada a folga de Vitrasa unha vez que a empresa deu marcha atrás na modificación da xornada

Os paros previstos para hoxe xa non se chegaron a efectivizar tras o acordo alcanzado onte
Publicado por o día 01/12/2020 na sección de Galicia,Sindicatos,Vigo

Desconvocada a folga de Vitrasa unha vez que a empresa deu marcha atrás na modificación da xornada

O comité de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, acordou onte desconvocar os paros parciais cuxo inicio estaba previsto para hoxe unha vez que a empresa deu marcha atrás na modificación substancial das condicións de traballo e accedeu a restablecer as xornadas completas que decidira partir para reforzar as liñas co obxectivo de cumprir as limitacións de aforo impostas pola pandemia.

O acordo, que chegou tras sete horas de negociación, establece que a empresa retomará a partir de hoxe mesmo os servizos modificados o pasado 12 de novembro para que o persoal afectado poida volver á súa xornada habitual. Nos casos nos que non sexa posíbel facelo de xeito inmediato fíxase un prazo non superior a 24 horas.

Tamén contempla a contratación de seis traballadores/as a tempo parcial para cubrir os reforzos necesarios nas liñas co obxectivo de cumprir as limitacións de afora impostas pola crise sanitaria.

Estas contratacións serán de duración determinada, de luns a venres e con descanso en fin de semana, a xornada partida e a tempo parcial, tendo a única interrupción da xornada como mínimo durante dúas horas de descanso consecutivas entre as 11:00 e as 17:00 horas. A duración dos contratos terá como data límite o mantemento das limitacións de aforo, ou como moi tarde até o vindeiro 8 de xaneiro.

Dende o comité de empresa Vitrasa, presidido pola CIG, valoran positivamente o feito de que quede sen efecto a modificación das condicións de traballo imposta pola empresa, de xeito que o cadro de persoal recupera a súa xornada laboral habitual. Con todo, consideran insuficiente que a contratación sexa parcial e non a tempo completo e lembran que os traballadores/as da concesionaria do transporte urbano vigués seguen a facer un número moi elevado de horas extra.