Degradación dun espazo natural sobranceiro
Estaca de Bares (Mañon, A Coruña) é un dos espazos protexidos máis emblemáticos e antigos de Galicia, pois a súa protección data de 1931 ao ser declarado como Sitio de Interese Nacional polo Goberno da Segunda República (Gaceta de Madrid, 5/11/1933). Posteriormente integrouse na Rede Natura 2000 (ZEC ES1110010 e ZEPA ES0000495), e foi declarado Espazo Natural Protexido coa figura autonómica de Zona de Especial de Protección dos Valores Naturais.
Desde a súa inclusión na Rede Natura 2000 e tras a aprobación do seu instrumento de xestión (Decreto 37/2014), o espazo foi obxecto de múltiples afeccións moi negativas sobre o estado de conservación dos seus hábitats e as poboacións de especies de flora e fauna protexida, que constitúen un claro incumprimento da normativa europea, estatal e autonómica. Entre estas actuacións cabe resaltar as rozas e alteracións de hábitats dentro da ZEC Estaca de Bares, derivados da instalación do escenario para as autoridades e vencedores, os aparcadoiros e distintas infraestruturas vencelladas coa realización dunha das finais de etapa da Volta Ciclista a España 2018.
Un abano de desfeitas
Recentemente un equipo de SGHN comprobou sobre o terreo a existencia dun conxunto de actuacións e obras que se realizaron dentro da ZEC Estaca de Bares, carecendo do correspondente cartel anunciador, pero que de acordo coa información publicada na prensa local débense a distintas actuacións que supostamente foron promovidas pola Axencia de Turismo de Galicia e/ou o Concello de Mañón, e que probablemente contasen con fondos da Unión Europea.
Aparcadoiro “alegal”
SGHN constatou a artificialización e perda de hábitats e poboacións de especies silvestres de flora e fauna nunha área de máis de 400 m2 na parte superior do cantil, que mantiña unha serie de charcas temporais que servían de refuxio a distintas especies de invertebrados e anfibios.
Nesta zona existía un aparcadoiro “alegal” e incumprindo as obrigas establecidas na normativa vixente (Decreto 37/2014, Directiva 92/43/CEE, Lei 42/2007) de conservar e restaurar os hábitats naturais nas Zonas de Especial Conservación, recentemente procedeuse á súa total destrución. Destrución que se estendeu a zonas ata entón en bo estado de conservación dos hábitats, cun impacto negativo sobre:
- Os hábitats “1230 Cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas” e “4030 Queirogais secos europeos”, que foron rozados e parcialmente cubertos por sedimentos de terra, estruturas de granito e formigón.
- Un importante número de individuos de dous taxóns endémicos do territorio galaico-portugués Angelica pachycarpa e Ulex europaeus L. subsp. latebracteatus.
Nesta área executouse un aparcadoiro e un banco de pedra que responden a un tipo construtivo máis propio dunha zona urbana que dun espazo natural. A maiores o deseño desta área realizouse nunha zona que resulta perigosa para o uso público, especialmente para nenos ou persoas con mobilidade reducida, e que ademais propicia o pisoteo e alteración porparte dos posibles visitantes das áreas contiguas con presenza de hábitats de interese comunitario.
Este tipo de obra incumpre abertamente o Decreto 37/2014 , que non as considera como “autorizables” ou “permitidas” na Zona-1 de Protección da Rede Natura 2000 de Galicia. De acordo coa normativa vixente (Directiva 92/43/CEE, Lei 42/2007, Lei 9/2001, Decreto 37/2014) estas obras terían que ser obxecto previamente dunha avaliación de impacto ambiental.
Vial entre o faro e o castro
Asimesmo, Sociedade Galega de Historia Natural constatou a construción dun vial de acceso ao Faro e ao Castro de Estaca de Bares, íntegramente dentro da Zona-1 da ZEC Estaca de Bares.
- Un primeiro treito como camiño peonil duns 160 m de longo no bordo da pista de servizo xa existente, que parte do aparcadoiro e discorre ata o Faro. Deixando aparte a máis que dubidosa necesidade, a tipoloxía construtiva resulta pouco axeitada para unha contorna natural, xerando un impacto negativo sobre a paisaxe.
- Un segundo treito (120 m de longo e 3 m de largo) vai do Faro ata a antiga sirena, deténdose na proximidade dunha área de interese arqueolóxico. Para anchear o camiño existente, retirouse a vexetación superficial en distintas áreas afectando a un mosaico de 4 tipos de hábitats:
- 1230 Cantís con vexetación dás costas atlánticas e bálticas,
- 4030 Queirogais secos europeos,
- 8230 Rochedos siliceos con vexetación pioneira do Sedo- Scleranthion ou do Sedo albi- Veronicion dilleniid,
- 6220* Pseudoestepas de gramíneas e anuais do Thero- Brachypodietea (hábitat prioritario).
Desfeita no único humidal higrófilo da ZEC
Por último, Sociedade Galega de Historia Natural constatou a realización de diversas actuacións nas instalacións militares abandonadas e na contorna ocupada por hábitats de interese comunitario (“1230 Cantís con vexetación dás costas atlánticas e bálticas” e “4030 Queirogais secos europeos”), incluidas íntegramente na Zona-1 de Protección da ZEC. Compre salientar a alteración do único humidal higrófilo da ZEC, que inclúe representacións de distintos tipos de hábitats naturais, destacando a presenza de:
- Bosques aluviais de salgueiros (91E0* Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae).
- Carrizais, xunqueiras e herbais húmidos (6410 Prados con molinias sobre substratos calcarios, turbosos ou arxilo-limosos Molinion caeruleae; 6420 Prados húmidos mediterráneos de grandes herbas do Molinion- Holoschoenion; 6430 Megaforbios eutrofos hidrófilos das orlas de chairas e dos pisos montano a alpino).
- Unha importante formación do endemismo galaico-portugues Carex paniculata ssp. lusitanica.
No humidal constatouse o uso do lume sobre a vexetación natural e numerosos danos nas macollas de Carex paniculata ssp. lusitanica e noutros elementos vexetais. Fíxose tamén unha forte roza das formacións herbáceas do humidal (400 m2), con eliminación da vexetación higrófila agás as macollas de Carex paniculata, nas que se aprecian os cortes producidos polas rozadoras.
A posibilidade de rexeneración natural deste ecosistema vese impedida ao terse realizado unha gabia de drenaxe, de máis de 180 m de longo, que envia a auga a uns antigos muiños abandonados desde hai máis de 30 anos. Todas estas actuacións dificilmente poden ser autorizables en conformidade co disposto na lexislación vixente (Directiva 92/43/CEE, Lei 42/2007, Decreto 37/2014). De calquera xeito, a súa realización estaría suxeita a un procedemento previo de de avaliación ambiental.
Plan de promoción turística
De acordo coa información publicada nos medios de comunicación, estas actuacións formarían parte dun plan de promoción turística na ZEC Estaca de Bares, promovido pola Axencia de Turismo de Galicia e/ou o Concello de Mañón, e que nada ten que ver cos obxectivos e liñas de actuación contempladas para este espazo natural no seu instrumento de xestión (Decreto 37/2014). En calquera caso, o suposto plan de promoción turística debería ser obxecto dunha preceptiva avaliación de impacto ambiental ao afectar directamente a un espazo natural en relación coas actividades construtivas e de alteración dos medios naturais descritas nos puntos anteriores.
As devanditas actuacións teñen causado unha deterioración grave, permanente e de moi difícil recuperación sobre os hábitats de interese comunitario da ZEC Estaca de Bares, e sobre as poboacións de especies de flora e fauna silvestres dependentes destes, que supoñen en conxunto un grave desequilibrio ecolóxico na ZEC e Espazo Natural Protexido de Estaca de Bares.
Estas actuacións encádranse nun modelo insustentable de explotación turística nunha área de gran fraxilidade ambiental promovido pola Axencia de Turismo de Galicia, e que podería xerar a curto e longo prazo que a alteración ambiental e o desequilibrio ecolóxico repercutise igualmente sobre a ZEPA Espazo mariño de Punta de Candelaria-Ría de Ortigueira-Estaca de Bares, ao incrementar sen ningún tipo de control a presión do uso público. Por outra banda, este modelo de uso público non garante a seguridade dos visitantes do espazo natural, establecendo itinerarios non aptos para persoas con problemas de mobilidade e que teñen un elevado risco de accidente por caídas desde as áreas cuminais dos cantís.
Solicitudes de Sociedade Galega de Historia Natural
Posto que as actuacións descritas, que non serían autorizables (Directiva 92/43/CEE, Lei 42/2007, Decreto 37/2014), causaron un grave desequilibrio ecolóxico sobre unha área da Rede Natura 2000 sen tan siquera terse realizado a preceptiva avaliación de impacto ambiental, SGHN ven de solicitar:
- Que a DX de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia informe a SGHN se autorizou ou non, de forma individual ou conxunta, as actuacións anteriormente descritas.
- Que no caso de que ditas actuacións carecesen dos permisos preceptivos, que a DX de Patrimonio Natural incoe o correspondente expediente administrativo sancionador contra os promotores, se esixa a inmediata restauración das áreas alteradas ás súas condicionas anteriores, e se de traslado das xestións realizadas á Fiscalía de Medio Ambiente e á Comisión Europea.
- Que no caso de ter autorizado ditas actuacións, que a DX de Patrimonio Natural facilite á SGHN copia de:
a. As solicitudes de autorización por parte dos promotores.
b. As Resolucións, Informes Técnicos, Informes da gardería dependente da DX de Patrimonio Natural.
c. O informe relativo á avaliación ambiental das obras comentadas, acorde co articulo 6 da Directiva 92/43/CEE.
d. Calquera informe sobre non afección ou afección sobre hábitats e especies de interese comunitario e á Rede Natura 2000 vencellado co procedemento de xestión de fondos europeos.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.