Educación concede 140 bolsas a universitarios galegos para programas de mobilidade con outros países

Do total de persoas beneficiarias, 92 son mulleres e 48 son homes
Publicado por o día 27/11/2019 na sección de Educación

Educación concede 140 bolsas a universitarios galegos para programas de mobilidade con outros países

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, vén de conceder 140 bolsas a estudantes das tres universidades do SUG (Sistema Universitario Galego) para que no presente curso 2019/20 participen en programas de intercambio con países extracomunitarios (agás o programa Erasmus+) relacionados cos estudos que cursan.

O departamento educativo da Xunta destina un total de 238.000 euros a esta iniciativa, a razón de 1.700 euros por beneficiario.

Do total dos 140 bolseiros beneficiados neste curso, 92 son mulleres e 48 homes. Por universidades, 70 deles cursan estudos na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 45 na de Vigo (UVigo) e 25 na da Coruña (UDC). No referido aos países, o máis concorrido é Chile (44 bolseiros), seguido de México (23), Arxentina (18), Brasil (11), EEUU (9), Uruguay (7), Canadá (6), Perú (5), Corea do Sur (5), Colombia (3), Xapón (3), Costa Rica (2), Suíza (2), Malasia (1) e Ecuador (1).

Enriquecemento formativo

O obxecto destas axudas que hoxe publica o DOG é promover o intercambio internacional entre estudantes, o que favorece a súa integración multicultural, e mellora os seus coñecementos profesionais e lingüísticos ao tempo que enriquece a súa cualificación e opcións cara unha futura incorporación ao mundo laboral.

Desde que se puxo en marcha por primeira vez no curso 2011/12, beneficiáronse deste programa un total de 1.052 universitarios, cun desembolso económico por parte da Administración que ascende a 1.436.000 euros