Emilio Cao: «A miña condena quere acabar con toda disidencia política

Concentración en Madrid para esixir a libre absolución de Emilio Cao
Publicado por o día 19/03/2018 na sección de Social

Emilio Cao: «A miña condena quere acabar con toda disidencia política

Hoxe estaba prevista en Madrid a vista para xulgar a Emilio Cao por ter participado nunha manifestación das Marchas da Dignidade en 2014. O fiscal pide para Cao 5 anos e oito meses de cárcere. A vista finalmente non se puido celebrar ao non presentarse a dar testemuña os policías implicados na súa detención; con todo, máis de 400 persoas acompañaron a Emilio Cao nos Xulgados madrileños. Cao declarou sentirse «nervioso», pero «arroupado» diante dun xuízo no que se procura facer da súa condena un «castigo exemplar» para acabar «con toda disidencia política da cidadanía consciente».

O portavoz da Plataforma de familiares e amigas de Emilio Cao, Pepe Arias, salientou que, nun tempo de marcado autoritarismo e de ataques frontais á liberdade de expresión por parte do Estado Español xa condenadas polo Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo, «a Galicia que se move está presente en Madrid para reivindicar a libre absolución, tras catro anos de espera e coa confianza de que se resolva positivamente».

Ao seu carón, membros da Plataforma de familiares e amigas de Emilio Cao, representantes políticos de En Marea e o BNG e o apoio expreso dos alcaldes de Santiago, Martiño Noriega; Ferrol, Jorge Suárez; A Coruña, Xulio Ferreiro; Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores Pontevedra e Carballiño, Francisco Fumega, xunto con personalidades destacadas da sociedade civil en Galiza que suman xa máis de 700 sinaturas nun manifesto que pide a súa absolución (https://absolucionemiliocao.gal/).