O Entroido guardés culminou cun divertido desfile tras cinco días de foliada

Publicado por o día 20/02/2018 na sección de Galicia,A Guarda

O Entroido guardés culminou cun divertido desfile tras cinco días de foliada

O Entroido guardés rematou o domingo 18 de febreiro coa celebración do tradicional desfile-concurso. Centos de persoas congregáronse ao longo das rúas entre a «esquina Famosa» e a Alameda para gozar da festa, na que participaron comparsas, carrozas e disfraces a nivel individual ou en grupo.

O Entroido comezou o pasado xoves 15 de febreiro coa celebración do desfile dos colexios guardeses. O alumnado dos centros de educación infantil e primaria PP Somascos, Hermanas Carmelitas, As Solanas, Manuel Rodríguez Sinde, A Gándara e a Escola Infantil Municipal percorreron as rúas da Guarda amosando os disfraces elaborados manualmente para a ocasión. Os deseños destacaron pola súa orixinalidade, dende as temáticas celta ou tribal ata disfraces de choiva e lume, bombeiros, botes de salsas variadas e personaxes clásicos de cómics.

A carpa situada na Alameda encheuse durante a noite do sábado co concerto de Rockin’ Gina & the Sentinels e DJ Guille, que mantiveron ao público bailando e gozando do mellor música rock e retro ata ben entrada a madrugada. Este foi, con todo, un dos grandes eventos musicais da programación deste Entroido, que continuou  o domingo coa actuación da orquestra Abanico, tamén na Alameda. O chamado «domingo das familias» ofreceu á veciñanza e visitantes unha oportunidade de ocio para todos os públicos durante a tardiña e a noite.

Xa o luns, centos de cativos e cativas atoparon un espazo de diversión e xogos na festa infantil da Alameda. Alí, animáronse a participar no baile de disfraces e a decorar as súas caras no obradoiro de maquillaxe, ademais de esgotar as filloas das que dispoñía o carriño larpeiro, situado no paseo para goce das familias.

A oferta gastronómica completouse co popular «Menú de Entroido», que atraeu a veciñas e veciños de toda a comarca para saborear o lacón con grelos e as sobremesas de Entroido en sete restaurantes guardeses. Os establecementos amosaron a súa satisfacción tras a boa acollida do menú, do que gozaron centos de persoas, especialmente en grandes grupos, nas comidas e ceas dos días 10, 11, 12 e 13 de febreiro.

Desfile-Concurso de Entroido

A culminación da festa chegou da man do tradicional desfile de Entroido. Inicialmente programado para o martes 13 de febreiro, o desfile celebrouse finalmente o domingo 18 de febreiro no seu percorrido habitual, isto é, dende a «esquina Famosa» ata a Alameda. O bo tempo acompañou os participantes e o numeroso público, que puideron gozar dunha xornada festiva caracterizada polo humor das compasas, as carrozas e os participantes individuais.

batucada Bate no Cobre e a charanga Os Charamujas contribuíron ao ambiente festivo coa súa música durante o desfile e, unha vez na Alameda, animaron a espera ata a entrega de premios. Os galardóns repartíronse da seguinte maneira:

Na categoría individual infantil, logrou o primeiro premio «Centauro», seguido de  «O corvo mensaxeiro do Rei» e  «Vaiana e Te Fiti», en segundo e terceiro lugar, respectivamente.

Na categoría individual xuvenil e adulto, o primeiro premio foi para «Os marabillosos heroes do Entroido», o segundo para «O acordeón», e o terceiro para «Te Fiti». O  cuarto e quinto galardón recollérono as «Princesas de Bouzó» e  «Cisne Branco», nesta orde.

Na categoría de comparsas, o primeiro premio foi para «Os Rockeros», seguidos por «O México de Frida Kahlo» e «Tino Casal», en segundo e terceiro lugar, respectivamente. O cuarto premio foi para Os «Wally-fláuticos» e un quinto recoñecemento dirixiuse a «Fantasía Caribeña e Brasil». As carrozas «Spice Girls» e «Tu cara me suena» conseguiron o primeiro e segundo premio, nesa orde, coas súas divertidas creacións.

Amais destes recoñecementos, todas as comparsas e carrozas participantes recibiron 200€ en concepto de axuda polo traballo e esforzo realizado para a elaboración dos disfraces e a decoración.

* Galería de imaxes do desfile de Entroido:

https://www.facebook.com/media/set/?set=a.354751835040963.1073741830.196914254158056&type=1&l=cfd5bca76f