Expertas e traballadoras analizarán a situación laboral das mulleres na pesca e os oficios máis feminizados

Tamén se porán en valor os avances acadados e o papel das profesionais que racharon moldes
Publicado por o día 02/10/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Expertas e traballadoras analizarán a situación laboral das mulleres na pesca e os oficios máis feminizados

As mulleres traballadoras da pesca en Galicia sofren unha dobre segregación: por unha banda, hai unha división entre oficios masculinos, normalmente vinculados aos barcos, e outros femininos, xeralmente de ribeira, e estes últimos son os peor pagados e con peores condicións laborais. Para analizar esta división horizontal e vertical na pesca dende o punto de vista xurídico-laboral, unha xornada reunirá no campus de Vigo especialistas internacionais e representantes de diferentes colectivos, dende redeiras ata mariscadoras ou mesmo unha das poucas patroas de altura que existen en Galicia.

Este simposio, que terá lugar o día 10 deste mes na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, está impulsado polas profesoras de Dereito do Traballo e da Seguridade Social Nora Mª Martínez e Emma Rodríguez, que explican que o seu obxectivo é “visibilizar a situación na que se atopan as traballadoras dos oficios feminizados, como mariscadoras e redeiras, e avanzar en estratexias para mellorar a súa situación profesional”. Do mesmo xeito, tamén se tratará de poñer en valor o esforzo realizado por mulleres profesionais que racharon moldes para acceder a oficios masculinizados “nos cales a presenza da muller é absolutamente excepcional”.

A idea de organizar este simposio, explican, xorde da participación das dúas docentes nunha rede de excelencia sobre estudos pesqueiros coas outras universidades galegas. “Démonos conta da pouca visibilidade que teñen as mulleres que traballan en oficios do sector da pesca e a pouca transcendencia que teñen os seus problemas laborais, é un tema socialmente invisibilizado” sobre o que as dúas profesoras tratan de poñer o foco. Principalmente, recordan, as mulleres galegas están ligadas aos oficios de ribeira, que son os máis precarios e peor pagados. “Teñen as peores condicións laborais, tanto dende o punto de vista legal e de recoñecemento profesional como dende o punto de vista salarial”, fronte a outros oficios masculinizados, nos que a muller apenas consegue entrar, pero que son os que teñen mellores condicións. Ademais, recordan Martínez e Rodríguez, os traballos desenvoltos polas mulleres na pesca en Galicia téñense considerado tradicionalmente secundarios, “como complemento á economía familiar, igual que serían as hortas”.

A dignificación, clave para asegurar un relevo xeracional

Dá idea de ata que punto son profesións secundarias o feito de que as redeiras seguen a reclamar a día de hoxe, lugares para poder cambiarse de roupa, “a precariedade chega a ese punto”, remarcan. Outras das eivas é a falta formación e de recoñecemento profesional e, aínda que agora comezan a impartirse cursos, precisan títulos que avalen as súas competencias. Este é tamén un aspecto clave, engaden as docentes, para asegurar o relevo xeracional das profesións exercidas por mulleres na pesca. “Solo pondo en valor, dándolle prestixio e dotándoas duns dereitos básicos e, por suposto, avanzando na igualdade e na conciliación, se pode manter un sector de traballo tan importante coma este”.

Con todo, e a pesar da falta de recoñecemento e profesionalización dos sectores feminizados, nos últimos anos tense avanzado moito na loita polos dereitos laborais e na visibilización destes empregos. Estes avances débense, principalmente, ás reivindicacións dos dereitos colectivos das propias traballadoras e tamén a ferramentas políticas que tratan de fomentar unha maior profesionalización e dignificación dos oficios feminizados. Entre outros fitos, teñen acado postos de responsabilidade en confrarías e creado asociacións que axudan a visibilizar, dignificar e conseguir que o seu traballo sexa un oficio e unha profesión recoñecida.

Outra das barreiras a romper é a segregación dos empregos. Aínda que xa hai mulleres embarcadas en buques de pesca e algunhas mesmo ao fronte das tripulacións, a presenza feminina é moi escasa nun ámbito claramente masculinizado. Isto responde, remarcan Nora Martínez e Emma Rodríguez, a unha multiplicidade de factores que van dende a tradición, as barreiras ideolóxicas ou os problemas de conciliación das mareas coa vida familiar, ata “cousas tan simples como a falta de instalacións como baños ou sitios onde cambiarse a bordo”.

Programa da xornada

A xornada, que leva por título Mulleres traballadoras na pesca en Galicia: loitando cara a igualdade de oportunidades, comprende dúas sesións de traballo e unha mesa redonda. Na primeira parte do programa abordarase a perspectiva xeral sobre os obstáculos á igualdade de oportunidades no sector primario, e nela participarán Laura Carballo, profesora da World Maritime University, en Malmö (Suecia) e Margarita Miñarro, da Universitat Jaume I de Castelló.

Na segunda mesa de traballo abordaranse os problemas xurídicos arredor do traballo da muller na pesca en Galicia coa participación de Mª Teresa Alameda, profesora da Universidad Carlos III de Madrid e María Isabel Ribes, da Universidad de Cádiz. Tras unha pausa, está prevista unha mesa redonda na que serán as propias mulleres traballadoras do pesqueiro as que presenten as súas reivindicacións. Entre as poñentes estarán Rita Míguez, presidenta da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca; Pilar Nogueira, presidenta da Asociación Profesional de Redeiras de Cangas; María Caldeiro, xerente de Fundamar-Fundación para a Pesca e o Marisqueo e Arantxa Toriza, patroa de altura. A clausura correrá a cargo de Andrés Trillo, letrado xefe do Servizo Xurídico Delegado Central no Instituto Nacional da Seguridade Social.

As xornadas, que se enmarcan nunha convocatoria de axudas para actividades docentes que promovan a perspectiva de xénero, teñen unha orientación xurídico-laboral e están dirixidas ao alumnado dos graos de relacións Laborais e RRHH, Dereito, o dobre grao ADE-Dereito, Máster en Dirección e Xestión Laboral.
A xornada desenvolverase o 10 deste mes a partir das 15.45 horas no salón de actos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. O prazo da inscrición, de balde, está aberto ata o día anterior, 9 de outubro.