O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o Novo CHUAC como a obra sanitaria máis importante desta lexislatura e a obra máis importante que se fai na Coruña nos últimos 50 anos.
Durante a sinatura do convenio entre a Xunta e o Concello da Coruña para desenvolver o novo hospital público da Coruña, Feijóo quixo destacar a disposición do municipio para desbloquear e cooperar no desenvolvemento desta infraestrutura.
Non en van, este convenio activa un proxecto no que a Administración autonómica se encargará da tramitación urbanística, dos proxectos técnicos necesarios e de asumir todo o procedemento de contratación, execución e pago das obras de construción do Novo CHUAC.
E o Concello asume o custo da adquisición dos terreos necesarios para a materialización do novo recinto e o custo da execución dos accesos e das conexións viarias necesarias; a posta á disposición do Servizo Galego de Saúde dos terreos dunha parcela dotacional pública municipal; a tramitación das licenzas e disposición dos servizos básicos; e a exención do IBI, así como outras taxas municipais aplicables.
Así mesmo, lembrou que o Goberno galego xa licitou en decembro os documentos técnicos e de tramitación urbanística -cun investimento de 7,6 millóns de euros-, para iniciar as seguintes fases do Novo CHUAC en 24 meses. E xa está en execución a ‘Fase 0’, cun investimento de 13 millóns de euros, que creará unha nova área de hospitais de día, unha nova planta de hospitalización e ampliará as camas en UCI.
“En definitiva, con esta sinatura activamos hoxe un proxecto no que o Goberno galego investirá máis de 431 millóns para construír un Novo CHUAC máis cómodo, con máis espazo, máis accesible e con novos servizos para pacientes e familiares”, dixo.
Non en van, recordou que esta obra permitirá: dobrar a superficie hospitalaria ata acadar os 225.000 metros cadrados de superficie; ampliar un 108% os postos de urxencias; elevar o 50% as consultas e o número de habitacións individuais; e sumar un 15% máis de camas.
Este novo complexo incorporará ademais as últimas tendencias e técnicas construtivas: primarase a eficiencia enerxética e os principios da economía circular; implantarase un sistema de depuración para paliar a concentración de medicamentos; na súa construción contarase con materiais de proximidade; e buscarase unha estética coidada e integrada na paisaxe. E o investimento que se executará no hospital “levará aparellados máis de 6.000 postos de traballo”, entre directos e indirectos.
O titular da Xunta concluíu reiterando o compromiso coa renovación integral do Servizo Galego de Saúde, a pesar da pandemia. Así: en Ferrol, xa se está a executar a ampliación, por un importe de 130 millóns de euros; en Pontevedra, “espero que nos próximos días adxudiquemos o novo hospital, por un importe de 140 millóns de euros”; en Ourense, no mes de febreiro presentarase un novo edificio dentro do plan director; “en Santiago temos comprometido seguir coa súa ampliación, ademais de finalizar a remodelación integral do Hospital da Mariña e de seguir facendo obras nos hospitais do Barco, de Monforte, de Verín e de Cee”, precisou.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.