Fernández-Tapias anuncia un investimento de preto de 173.000 euros en proxectos de mellora enerxética en Gondomar e Redondela

A delegada territorial en Vigo informou que as axudas permitirán substituír as actuais caldeiras de gasoil por biomasa no Centro de Desenvolvemento Local de Gondomar, no Conservatorio de Redondela e no Multiusos de Chapela
Publicado por o día 27/01/2021 na sección de Galicia,Gondomar,Redondela,Xunta de Galicia

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo hoxe por videoconferencia un encontro cos alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e Redondela, Digna Rivas, aos que informou sobre a concesión de preto de 173.000 euros para proxectos de mellora enerxética en ambos os dous municipios.

Concretamente informou que as axudas permitirán substituír as actuais caldeiras de gasoil por biomasa no Centro de Desenvolvemento Local de Gondomar, cunha achega de 79.546,37 euros, no Conservatorio de Redondela (53.490,05 euros) e no Multiusos de Chapela (42.792,04 euros).

Neste contexto, Fernández-Tapias destacou a aposta do Goberno galego por lograr unha Galicia máis verde, a través de apoios que buscan fomentar tanto o uso das enerxías renovables como unha maior eficiencia enerxética, tanto no eido dos fogares galegos, como das administracións, empresas e entidades.

No conxunto de Galicia esta liña de apoios, da Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, reserva 2,42 millóns de euros para apoiar un total de 148 proxectos de enerxías renovables térmicas en administracións locais, empresas e entidades sen fins de lucro.
En concreto concedéronse 56 axudas para proxectos de biomasa en concellos por un importe de algo máis de 941.000 euros; 25 para iniciativas de biomasa en empresas e para autónomos por 329.000 euros; e 7 actuacións de biomasa en entidades sen fins de lucro por 321.000 euros. Ademais, apoiaranse diversos proxectos de empresas e autónomos: 47 de aerotermia (preto de 515.000 euros), 9 propostas de xeotermia (287.000 euros) e 4 de solar térmica (case 32.000 euros).
Con estas axudas, que dispoñen dunha intensidade do 80% para as administracións e as entidades sen fins de lucro e unha media do 60% para empresas cun máximo de 250.000 euros por proxecto, prevese mobilizar ao redor de 5M€.

Convocatorias abertas para empresas e autónomos

Por outra banda, cómpre lembrar que xa están abertas dúas convocatorias para impulsar as enerxías renovables e a eficiencia enerxética nas empresas. Trátase, en concreto, da liña de axudas para proxectos de empresas e autónomos do sector agrícola primario que contan cun orzamento de 2,5 millóns de euros, o que facilitará a mobilización dun investimento final público-privado de 8,5M€ en aproximadamente 200 iniciativas. Promoveranse instalacións de biomasa, biogás, aerotermia, xeotermia, solar térmica, fotovoltaica e eólica, así como actuacións de mellora da eficiencia que reduzan o consumo inicial en polo menos un 40% en proxectos de iluminación ou nun 10% no resto de iniciativas.

Tamén está aberto o prazo para solicitar axudas para realizar proxectos de aforro e eficiencia enerxética en empresas dos sectores industrial e de servizos. Destinaranse 10M€ co obxectivo de mobilizar máis de 42M€, e propiciar un aforro enerxético equivalente a nove millóns de litros de gasóleo ao ano, así como un aforro económico de 7M€ anuais nas facturas enerxéticas e a creación de 340 empregos.