GaliciaAberta incrementou en 2019 nun 22,5% o seu número de usuarios ata superar os 260.000

O portal web da Secretaría Xeral da Emigración recibiu o ano pasado preto de 385.000 visitas, o que supón un 17,5% máis ca no exercicio anterior
Publicado por o día 12/01/2020 na sección de Internet,Xunta de Galicia

GaliciaAberta incrementou en 2019 nun 22,5% o seu número de usuarios ata superar os 260.000

GaliciaAberta, o portal web da Secretaría Xeral da Emigración, incrementou nun 22,5% o seu número de usuarios durante o último ano, ata superar a os 261.000 en todo o 2019. Así o amosan as estatísticas do exercicio que vén de rematar, no que os internautas realizaron preto de 385.000 visitas á páxina http://emigracion.xunta.gal, un 17,5% máis das rexistradas en 2018.

Neste marco, cómpre salientar que os contidos máis visitados dentro de GaliciaAberta foron os relativos ás Becas Excelencia Mocidade Exterior (máis de 45.000 visitas), e as diferentes liñas de axuda (máis de 43.600 visitas). Así mesmo, o novo portal Retorna sumou case 40.000 visitas, ofrecendo unha atención 24 horas aos emigrantes galegos e aos seus descendentes na procura de facilitar a volta á casa.

Precisamente neste mesmo ámbito cómpre destacar unha das apostas máis importantes da Xunta de Galicia de cara a facilitar o proceso de retorno, como é a recente ampliación da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retornado, que por primeira vez na historia conta con sede nas catro provincias dispondo, ademais, de instalacións atendidas por persoal experto.

A Arxentina, Estados Unidos, Venezuela, O Uruguai, México, O Brasil, Colombia, O Reino Unido, Suíza, Chile, Perú, Cuba, Alemaña, Ecuador e Francia son os quince países do exterior desde os que máis visitas se realizaron ao portal GaliciaAberta.

Redes sociais

As redes sociais que ten a Secretaría Xeral da Emigración para divulgar os seus programas e as fases das diferentes convocatorias, así como para promover as diferentes accións que tanto o Goberno galego como a propia colectividade galega no exterior leva a cabo para difundir a cultura, a lingua e a tradición galegas, tamén experimentaron un crecemento durante 2019. As contas de GaliciaAberta en Facebook, Twitter e Instagram rozan xa os 30.500 seguidores, o que supón un incremento medio de preto do 20 % no conxunto das plataformas.

No caso de Facebook, son os mozos de entre 25 e 45 anos os que máis empregan esta rede social para estar ao día das novas acerca da colectividade galega, tanto a residente no estranxeiro como a da Galicia territorial e as e os que viven noutras comunidades autónomas diferentes á galega. Tamén os usuarios de Instagram teñen un perfil moi semellante ao desta plataforma, que conforman o público obxectivo ao que vai especialmente dirixida a Estratexia Retorna 2020.