O pasado 24 de xaneiro, a situación do sector financeiro (e a súa afectación no eido laboral) foi debatida novamente no Parlamento Galego e, unha vez máis, a Xunta de Galiza “situouse do lado da patronal bancaria”. O Goberno galego, denuncia a CIG-Banca, rexeitou realizar un novo estudo sobre a concentración bancaria e as súas consecuencias e non tomará medidas a este respecto.
A Federación de Banca salienta que cando se fala de fusións bancarias, existe unha tendencia a pensar só en prexubilacións, pero o proceso vai máis alá e ten un forte impacto laboral. Dunha banda, o persoal que queda asume unha maior carga de traballo, empeóranse as condicións súas laborais e destruíndose e deslocalizándose postos de traballo. Ao tempo substitúese persoal indefinido con dereitos por persoal con contratos temporais en precario, con salarios de miseria.
Por outro lado, a concentración ten tamén un impacto social e económico: é un proceso de acumulación do poder económico con ramificacións no poder político, xudicial e nos medios de comunicación; redúcese o servizo bancario, tanto polo novo modelo de banca, como polo peche de oficinas; diminúe o número de competidores; afecta ao emprego; e os beneficios xerados aquí marchan do país.
Galiza ten unha concentración bancaria que supera os límites previstos na UE, segundo informes encargados pola propia Xunta. Porén non se adoptaron medidas para frear este proceso e, dende aquela, tivo lugar a absorción do Grupo Popular por parte do Santander e á adxudicación da Caixa Geral a Abanca.
A CIG, que vén denunciando esta reconversión do sector, a instancias do BNG mantivo recentemente unha reunión coas deputadas Noa Presas e Montse Prado, que presentaron unha iniciativa no Parlamento Galego sobre a necesidade dun novo estudo neste eido, que foi debatida o pasado 24 de xaneiro.
A Xunta de Galiza considerou que non é necesario un novo informe nin tomar medidas, malia que o estudo que xa teñen, alertaba dun grao de concentración máis alá do que en economía se considera razoábel. “Unha posición que se repite en cada debate, como cando se debateu sobre o impacto laboral da MIFID (a Xunta apoiou aos bancos cando denunciamos a fraude), ou cando se debateu sobre as políticas comerciais bancarias”, denuncia CIG-Banca.
A central sindical considera que o persoal dos bancos debe coñecer a posición real da Xunta ante o impacto dos procesos de fusión, “pois cando se denuncia a presión comercial ou o impacto laboral da MIFID, a Xunta sempre se sitúa ao lado das direccións dos bancos”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.