A Guarda conmemorará o 181º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro con seis días de actividades dirixidas ao alumnado escolar, o comercio e o público en xeral, coa xa tradicional «Semana por Rosalía» orientada á divulgación da figura e obra da autora, referente literario da nosa cultura.
As actividades comezarán o 19 de febreiro con «Cada día un poema», unha iniciativa do departamento de Cultura coa que se anima a compartir nas Redes Sociais (Facebook, Twitter e Instagram) un poema diario da obra rosaliana facendo uso da etiqueta #Rosalíate. Ao tempo, a Concellería divulgará a través das súas contas oficiais nas redes sociais unha selección de versos da autora senlleira da lingua galega.
Os centros de educación infantil e primaria guardeses participarán na «Semana por Rosalía» coa elaboración duns debuxos dentro da iniciativa «Que che inspira?». Así, máis de 400 cativos e cativas de infantil e primeiros cursos de primaria basearanse nuns versos extraídos da poesía rosaliana para elaborar debuxos orixinais que poderán decorar ao gusto. As súas creacións serán expostas, a partir do 20 de febreiro, en espazos públicos da vila (Casa do Concello, Centro Cultural e Praza de Abastos) e naqueles comercios que se sumen á iniciativa.
O alumnado de 3º a 6º de primaria, pola súa parte, participará na elaboración dun «Mural por Rosalía» os días 22 e 23 de febreiro. A pintura realizarase a continuación da elaborada o pasado ano na rúa Vigo -á altura do colexio da Sangriña- en dúas fases, de xeito que unha voluntaria fará o deseño primario duns versos e, a continuación, as rapazas e rapaces serán os encargados de pintalo e decoralo.
O sábado 24 de febreiro, Día de Rosalía, celebraranse dúas actividades culturais dirixidas ao público familiar. Pola mañá, a Biblioteca Pública Municipal acollerá unha nova sesión de «Contos contados» centrado na vida e obra da poetisa. A actividade contará coa participación dun coñecido veciño da Guarda, Manuel Cadilla («Maruxo»), que lerá versos rosalianos e contará a vida da autora aos pequenos e pequenas participantes e as súas familias. A continuación, poderán participar no obradoiro de elaboración de marcapáxinas.
A actividade de peche desta «Semana por Rosalía» guardesa será o espectáculo de monicreques «A viaxe de Rosalía», da man da actriz e titiriteira Larraitz Urruzola. A obra narra as pasaxes máis importantes da vida da autora compostelá dun xeito ameno e accesible para os cativos e cativas a partir de 6 anos, a través da voz da súa madriña, Francisca do Campo. Ela amosará ao público, a través das ferramentas da narración oral tradicionais, a historia da nena que chegou a ser un símbolo na cultura galega.
O espectáculo comezará ás 19:30 horas no Centro Cultural. Alí, as entradas estarán dispoñibles a partir de mañá, 17 de febreiro, en horario de mañá (de 10 a 13) e, de luns a venres, en horario de mañá e tarde (de 10 a 13 e de 17 a 20).
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.