Música nas Prazas 2019 chega o vindeiro venres día 13 de setembro ao seu fin tralos concertos de Caramelo Krew o 14 de xuño na Praza de San Queitano e de Blues do País o pasado venres día 16 de agosto na Praza de Avelino Vicente(As de Copas).
Desta volta é a quenda de «Helen & Shanna», un grupo guardés nado no ano 2013 e que xa ten ofertado numerosos concertos en salas e pequenos festivais en toda Galicia. Cunha forte influencia folk, «Helen & Shanna» recolle aspectos doutras culturas, con instrumentos tan variados coma o sitar, a trompeta, o violín ou o ukelele.
Este é o cuarto ano desta actividade promovida dende a concellería de Cultura do Concello da Guarda e que este ano conta cun total de 3 concertos nas Prazas de San Queitano, Avelino Vicente e Os Seixiños.
Para rematar esta edición o venres 13 de setembro ás 22:00h na Praza dos Seixiños acollerá a actuación de Helen & Shana.
A programación de Música nas Prazas acadou na súa edición 2018 un notable éxito de afluencia de público, fomentando a música en diferentes espazos públicos do municipio, tentando dar visibilidade e dinamismo a todos eles por igual, levando a cultura musical a todas as parroquias da vila.
Ao longo dos tres anos de Música nas Prazas foron moitas as formacións musicais do panorama local e galego que teñen pasado polas prazas da vila guardesa, entre elas, De Vacas, Sonus de Gaya, Indomables, Argonat Band, Mbolo Mooye Doolé, Carmen Johns, entre outros.
O Música nas Prazas 2019 conta co apoio de Pontegal da Deputación de Pontevedra.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.