Igualdade reta aos alumnos, PAS e profesores a construír novos modelos de masculinidades

A campaña, na que participan homes dos tres campus, lánzase en redes este venres
Publicado por o día 08/11/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Igualdade reta aos alumnos, PAS e profesores a construír novos modelos de masculinidades

Alumnos, profesores e traballadores de administración e servizos dos tres campus. Eles son os protagonistas da nova acción posta en marcha pola Unidade de Igualdade dentro da campaña A igualdade está de festa, paraugas baixo o que este curso se abrigan as diferentes iniciativas postas en marcha dende a Universidade para axudar a construír un mundo libre de violencias machistas. Entre estas temáticas atópase a prevención das masculinidades tóxicas, que é o eixe central no que se vertebra esta nova acción que se lanza ás redes sociais a poucos días de celebrarse o 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Baixo o lema Masculinidade concorda con igualdade, os vídeos da campaña achegan a testemuña de diferentes homes da comunidade universitaria sobre, entre outras casuísticas, cales foron os referentes masculinos que, dun ou outro xeito, rompen moldes ou foron exemplo para eles, e que inclúen tanto persoas do ámbito familiar de cada un dos entrevistados -sobre todo pais e avós- como escritores, músicos ou filósofos. En total realizáronse cinco vídeos: Referentes masculinos; Outras formas de construír a masculinidade; Derrubando estereotipos: máis aló do ‘machirulo’?; Por que os homes deberían ser feministas, e Masculinidade concorda con igualdade.

Ademais destas pezas audiovisuais, a iniciativa incluíu tamén a realización dun pousadoiro fotográfico que simbolizaba unha porta cunha dobre cara: unha cos atributos referentes ás masculinidades tóxicas (son agresivo, domino, son bastante chulo, son arrogante, son egoísta, son infantil…) e outra que dá a benvida aos aliados feministas e que convida a reflexionar e sensibilizar sobre as relacións de igualdade que aínda están por construír (enténdote, confía en min, teño sensibilidade, son comprensivo, gústame a tenrura, vexo máis aló de min mesmo…).

Comentar noticia

Your email address will not be published.