Inscriben os primeiros sete montes no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas

Dous dos montes están situados na provincia da Coruña e os outros cinco na de Pontevedra, abranguendo unha superficie total superior ás 250 hectáreas
Publicado por o día 01/01/2021 na sección de Galicia,Medio Ambiente

Inscriben os primeiros sete montes no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas

A Consellería do Medio Rural vén de resolver os sete primeiros procedementos de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, referidos a dous montes situados na provincia da Coruña e a outros cinco localizados na de Pontevedra.

En total, estes montes abranguen unha superficie de 257,59 hectáreas. As especies predominantes nas súas masas arbóreas son o carballo (Quercus robur), o castiñeiro (Castanea sativa) e o bidueiro (Betula celtiberica).

En concreto, no que atinxe á provincia da Coruña, quedan inscritas no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas as 66,69 hectáreas que ocupa o monte Raño, de titularidade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Verís, no municipio de Irixoa, así como as 24,86 ha do monte Fraga da Areosa, de titularidade do Concello de Mesía.

Xa na provincia de Pontevedra, inscríbense as 42,92 hectáreas do monte Ventín, de titularidade da CMVMC de Ventín, en Fornelos de Montes; as 40,96 ha do monte Agüeiros, de titularidade da entidade local menor de Arcos da Condesa, en Caldas de Reis; as 38,10 ha do monte Casa das Minas e San Bernabé, da CMVMC de Chamadoira, en Cerdedo-Cotobade; as 25,04 ha do monte Limeres, de titularidade da CMVMC de Limeres, en Cerdedo-Cotobade e, por último, as 19,02 hectáreas do monte Faro Aveloso, de titularidade da CMVMC de Meira, en Moaña.

En cumprimento do Decreto polo que se crea e se regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, estas primeiras masas rexistradas contarán, a partir de agora, cunha serie de beneficios. Así, terán prioridade na concesión de axudas públicas, na realización de actuacións de mellora e aproveitamento continuadas para favorecer a súa xestión forestal activa, na divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo no fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.

Cabe sinalar que a Consellería do Medio Rural está a tramitar actualmente outros 36 expedientes de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, que supoñen en conxunto unhas 3.000 hectáreas de terreo. Destes expedientes, 17 corresponden á provincia de Lugo, oito á de Ourense, seis á de Pontevedra e cinco á provincia da Coruña.

Comentar noticia

Your email address will not be published.