Learning Analytics, un motor para a transformación da educación superior

Un congreso reúne en Vigo expertos na aplicación da minería de datos a actividades de ensino
Publicado por o día 27/06/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Learning Analytics, un motor para a transformación da educación superior

O Learning Analytics é a aplicación de técnicas de minería de datos, data analytics e machine learning ao eido do ensino. Trátase de obter información relevante sobre actividades de aprendizaxe a partires dos datos que se recollen durante o desenvolvemento das mesmas e tamén se ocupa das posibles aplicacións e servizos que se poden desenvolver e ofrecer a partir desa información. Así, neste eido do coñecemento conflúen tanto expertos no eido das TIC como especialistas en ciencias da educación. Estes son os dous perfís que se dan cita no Learning Analytics Summer Institute Spain 2019, un simposio estatal que se celebra este xoves e venres na Escola de Enxeñería de Telecomunicación do campus de Vigo.

Esta é a cita anual de Snola, a Spanish Network Of Learning Analytics, unha rede temática composta polos principais investigadores nacionais dedicados á analítica de datos de aprendizaxe ou Learning Analytics. Esta rede está composta por oito grupos de investigación, entre eles o grupo GIST (Grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos) da Universidade de Vigo, que desenvolve unha liña de investigación en aplicacións das TIC para o ensino e á aprendizaxe dende o ano 1995 e que actúa como anfitrión deste congreso.

A primeira edición deste simposio tivo lugar en 2015 e, dende esa data, véñense celebrando anualmente nestes primeiros días do verán. Nesta quinta edición o coordinador da organización é o profesor do Departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo Manuel Caeiro. O docente explica que o congreso está dirixido principalmente a “investigadores do campo do Learning Analytics, tanto dende un punto de vista da analítica de datos e do desenvolvemento software de sistemas e servizos de e-learning, como de expertos das ciencias da educación e da súa xestión, interesados na aplicación destas técnicas e das posibles implicacións que pode ter”.

Tecnoloxía ao servizo da educación

Esta é a primeira vez que este congreso se celebra en Galicia e o lugar escollido foi Vigo, tras o seu paso en anteriores edicións por País Vasco, León e Madrid. No acto de apertura, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, deulles a benvida aos asistentes e agradeceu á rede Snola a súa confianza na Universidade de Vigo para a organización deste simposio. O reitor comprometeuse a “analizar as conclusións deste congreso dende o equipo de goberno para ver a posibilidade de incorporar novidades na docencia universitaria”. E é que como explicaba o profesor Manuel Caeiro, a finalidade é “promover a aplicación das novas tecnoloxías da analítica de datos na educación, para así dar resposta aos desafíos tecnolóxicos, sociais e educativos que supón a captura, procesado, presentación e interpretación dos datos e información da que dispoñemos nos nosos sistemas de aprendizaxe”. Neste sentido Íñigo Cuiñas, director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, resaltaba a relevancia deste campo porque se centra en temas que “melloran a docencia e a aprendizaxe” tanto dende o punto de vista do alumnado como do profesorado. “O Learning Analytics está moi ligado ao Big Data, polo que enganchan cunha boa parte da Enxeñaría de Telecomunicación” pero tamén coa didáctica, xa que nos axuda a comprender “como aprenden os nosos alumnos e como ensinamos nós”.

O congreso arrancou cunha das dúas conferencias convidadas desta congreso, a de Mar Pérez Sanagustín, docente da Université Paul Sabatier Tolouse III, que fixo un percorrido polas oportunidades que o Learning Analytics presenta para a educación superior e seu papel como “motor para a transformación da educación superior”. Explicaba Pérez que “nun momento no que as tecnoloxías están constantemente transformando a educación superior” cos MOOCs, o Big Data, etc. cabe reflexionar sobre os desafíos neste contexto. “Pasamos dunha época de escaseza de datos a outra de abundancia, a unha realidade nova marcada polas novas tecnoloxías, a virtualidade, etc.” É por iso polo que en 2011 aparece por primeira vez a definición de Learning Analytics “como unha área de coñecemento emerxente que pretende propor metodoloxías, estratexias, xeitos de entender esa abundancia de datos e de darlle forma co obxectivo último de mellorar a aprendizaxe”.

A xornada de mañá venres será de carácter máis técnico, e incluirá o relatorio de Manuel Lama, da USC, sobre minaría de procesos en educación, así como presentacións de traballos de investigación, una mesa redonda e un taller.

Aplicacións prácticas do Learning Analytics

A información relevante que se obtén empregando Learning Analytics pode ser de distinto tipo, explica o profesor Caeiro, “como predicións sobre o rendemento a futuro do estudante; estimacións sobre características do estudante, como o seu nivel de estrés ou se lle vai mellor estudar pola mañá ou pola tarde; relacións entre alumnos ou contidos, como afinidades entre alumnos, ou os contidos preferidos, etc”. Neste sentido, o docente remarca que o Learning Analytics non se centra só da obtención desta información, “senón que tamén se ocupa das posibles aplicacións e servizos que se poden desenvolver e ofrecer a partires da mesma”. Plantéxanse neste caso o desenvolvemento de paneis de control (dashboards) nos que representar de forma gráfica os datos e a información relevante para que así o profesorado e o alumnado a poida ver de xeito máis claro e lle facilite a toma de conciencia sobre a mesma e tamén de decisións. Tamén se poden desenvolver servizos de recomendación ou suxestión, ofrecendo indicacións sobre recursos educativos, indicacións sobre actividades, rutinas de estudo, estratexias de aprendizaxe, etc. Outra aproximación posible é mellorar a coordinación docente entre materias, labor que fan normalmente as xefaturas de estudo. Trátase en definitiva, ao igual que se fai en outros moitos campos actualmente, de “utilizar as tecnoloxías de analítica de datos e do software para sacarlle partido á riqueza que se agocha nos datos”. Por suposto, este gran potencial tamén entraña riscos considerables, recoñece o docente, “por iso se plantexan cuestións éticas sobre as que tamén falamos neste congreso”, conclúe.