Lídia Senra achega ao Parlamento Europeo a loita pola recuperación da memoria histórica na Galiza

Senra convidou á Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Fernando Souto expuxo a experiencia desta organización
Publicado por o día 30/01/2019 na sección de AGE,Política

Lídia Senra achega ao Parlamento Europeo a loita pola recuperación da memoria histórica na Galiza

Co obxectivo de  afondar en claves de análise que permitan elaborar unha resposta conxunta da esquerda europea para facer fronte ao auxe da extrema dereita na UE, o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) está a celebrar durante a tarde de hoxe a xornada internacional “Resistencias locais contra a extrema dereita en Europa”, poñendo en común experiencias achegadas dende Francia, Italia, Alemania, Austria, Grecia, Polonia, Croacia, Estado español, Bélxica, Letonia, Finlandia, Eslovenia e Galiza.

“As forzas políticas máis reaccionarias favorecen a sinerxía sistémica de afondamento nas desigualdades, presente a nivel global, e o capitalismo precisa neste momento de gobernos autoritarios para continuar co seu proceso de concentración da riqueza en cada vez menos mans”, alerta a eurodeputada galega Lídia Senra. “Esta tendencia, da que lamentabelmente temos xa moitos exemplos, é unha realidade que xa está aquí e á que a esquerda ten que ter claro como combater. Nese sentido a xornada de hoxe está a ser moi útil, porque permítenos escoitar unha batería de accións que se están a desenvolver a nivel local en todo Europa, moitas delas perfectamente adaptábeis duns Estados a outros, que supoñen exemplos concretos de experiencias de loita que cómpre pór en valor”.

Para dar conta de iniciativas desenvolvidas no noso país, Senra convidou a participar nesta xornada á Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMHAC), representada no día de hoxe por Fernando Souto, quen encetou a súa intervención explicando que se trata dunha asociación comarcal  onde “traballamos pola recuperación da memoria dos nosos maiores, fronte a historia oficial dos vencedores da guerra civil do 36 e cerca de 40 anos de ditadura franquista. Pertencemos ao movemento que se coñece como memoria histórica, e que xurde no ano 2000 a raíz da exhumación dun grupo de paseados enterrados na cuneta, esta exhumación tivo grande repercusión mediática ”.

Entre os traballos que desenvolve a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, Souto destacou os referidos á recuperación da memoria oral “recollemos mediante gravación as vivencias persoais e logo aportámosllas a investigadores/as para axudar a comprender a nosa historia”, ao tempo que relatou “o noso traballo tivo un gran éxito cando xunto con outras organizacións conseguimos explicar que o pazo de Meirás foi un roubo fronte a historia oficial que o presentaba como unha doazón do pobo a Franco”.

Outra das cuestións nas que a Comisión da Memoria Histórica puxo especial énfase en destacar foi a importancia de traballar contra a manipulación da linguaxe pola  extrema dereita. “A existencia da simboloxía franquista, o nome  das rúas das nosas cidades, as honras os personaxes da guerra civil , as estatuas, os elementos conmemorativos… Normalizaron o fascismo vitorioso militarmente, e mesmo pretenden presentarse como libertadores. Este pasado presente, moi presente, esixe un esforzo didáctico para desenmascarar, para quitar a careta da extrema dereita.”