Lorenzana aborda con Cogami as actuacións prioritarias de fomento do emprego inclusivo para este 2021

Publicado por o día 14/01/2021 na sección de Emprego,Social

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana mantivo hoxe un encontro de traballo co presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), Anxo Queiruga, no que se puxeron en valor as liñas de traballo a prol do emprego inclusivo que a Xunta está a desenvolver neste 2021 con carácter prioritario.

A promoción do emprego das persoas con especiais dificultades no acceso ao emprego na Comunidade e, máis en concreto das persoas con discapacidade, está no centro das políticas de emprego e formación deseñadas para este ano polo departamento de Lorenzana que, tal e como lemrou no encontro celebrado en Santiago de Compostela, contan cun maior orzamento en 2021, de cerca de 24 millóns de euros, o que supón un alza do 11% respecto da anualidade anterior.

Mediante programas de axuda á creación e mantemento de postos de traballo en centros especiais de emprego e en empresas de inserción, o programa piloto de formación dual para persoas con discapacidade intelectual ou a nova liña de axudas para o reequilibrio financeiro de centros especiais de emprego de iniciativa social e empresas de inserción, dirixido a garantir a viabilidade destas empresas, entre outros, espérase beneficiar de xeito directo a 130 empresas que dan traballo a máis de 3.600 persoas.

A Xunta tamén incrementará a liña de apoio á contratación en empresa ordinaria das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, que ascende a 3,4 millóns de euros (fronte aos 2,2 do ano anterior) e seguirá a potenciar a contratación das persoas con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral.