Os centros singulares de investigación da Universidade de Vigo abrirán de novo as súas portas á cidadanía a partir do vindeiro venres 15 de novembro. Ao abeiro da segunda edición do programa Divulgando Ciencia Singular, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic), o Centro de Investigación Mariña (CIM), o Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxías e Procesos Industriais (Cintecx) desenvolverán ao longo dos meses de novembro e decembro un programa de actividades que permitirá “coñecer de primeira man o traballo que se fai nestes centros, con investigacións que achegan valor engadido á sociedade, un coñecemento útil que serve para mellorar a calidade de vida e o benestar da sociedade”, explica Belén Rubio, vicerreitora de Investigación. Rubio destaca que son centros con centos de investigadoras e investigadores que durante anos foron quen de captar decenas de millóns de euros en proxectos e contratos de I+D, de rexistrar ducias de patentes e sumar miles de publicacións, “e a pesar de todo ese esforzo dedicado e dos froitos recollidos, a sociedade apenas coñece nin recoñece a súa labor”, salienta a vicerreitora.
De balde e previa inscrición na web cienciasingular.gal, calquera persoa, tanto adulta como nenos e nenas, poderá participar neste programa de actividades para toda a familia financiado pola Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a través do Programa de Axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do Sistema Universitario de Galicia cofinanciada polo Feder no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Actividades para descubrir a ciencia e a tecnoloxía e espertar vocacións
Divulgando Ciencia Singular arrancará este venres 15 de novembro na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, onde, de 16.00 a 19.00 h, investigadoras e investigadores de atlanTTic desenvolverán unha ducia de obradoiros e tres visitas guiadas a espazos destacados do centro para “facer chegar o traballo que facemos á sociedade dun xeito que incluso fai posible achegarse á tecnoloxía que se atopa detrás a través de talleres e visitas”, sinala Carlos Mosquera, director do centro de investigación. Mosquera lembra que en atlanTTic se abordan numerosos retos da sociedade con tecnoloxías de telecomunicacións, en ámbitos como a saúde, o medio ambiente ou a seguridade en comunicación, “estas tecnoloxías están presentes nas nosas vidas máis do que imaxinamos, ás veces de formas insospeitadas, e vemos necesario contribuír á súa difusión, xa que como sociedade necesitamos coñecer para opinar con criterio. Así, comunicacións por satélite, comunicacións ópticas, o 5G… todo ten matemáticas, física e unha importante dose de enxeñaría, que poden espertar vocacións entre os máis pequenos e pequenas”, recalca.
Pola súa banda, o Centro de Investigación Mariña invitará a participar a toda a cidadanía os días 22 e 23 de novembro en Embárcate co CIM, Coñece o CIM en Toralla e Coñece o CIM no campus, tres accións coas que a poboación “poderá coñecer a investigación mariña de vangarda que se leva a cabo na Universidade de Vigo e a súa importancia cara á sociedade”, explica Daniel Rey, director do CIM. As persoas participantes descubrirán a ría de Vigo dende un punto de vista máis científico coa viaxe en barco, coñecerán a labor diaria que desenvolven as e os científicos coa actividade interactiva de laboratorio ou percorrerán durante as visitas guiadas as instalacións no campus e na illa de Toralla e é que segundo Rey “coñecernos é o mellor xeito para que a sociedade entenda que se fai investigación de calidade aquí cerca”.
Cinbio, pola súa banda, comezará coas súas actividades o 22 e 23 de novembro, coa colocación dunha carpa informativa ese venres na rúa do Príncipe en Vigo e o sábado no Paseo de Ourense. Aí as persoas interesadas poderán inscribirse nas actividades que se celebrarán no propio Cinbio no campus de Vigo o 29 de novembro e no Politécnico de Ourense o 30 de novembro, “unhas xornadas de portas abertas, organizadas co obxectivo de que a xente coñeza que facemos no ámbito da investigación e a saúde. A idea é que toquen, vexan e poidan ver os laboratorios”, explican desde o Centro de Investigacións Biomédicas.
O programa de divulgación científica rematará coas actividades do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxías e Procesos Industriais (Cintecx).
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.