Medio Ambiente actualiza a base topográfica de Galicia ao incorporar a totalidade da rede hidrográfica e revisar máis de 1,5 millóns de edificacións

O Instituto de Estudo do Territorio, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, traballou na actualización desta base de datos e mapas, que se traduce na posta á disposición da sociedade de case 9.000 arquivos dixitais
Publicado por o día 18/07/2020 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

Medio Ambiente actualiza a base topográfica de Galicia ao incorporar a totalidade da rede hidrográfica e revisar máis de 1,5 millóns de edificacións

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio, vén de actualizar a Base Topográfica de Galicia 10k, ao incorporar e ampliar a información dispoñible. A actualización desta base de datos permitiu incorporar a totalidade da rede hidrográfica e a revisión e mellorar posicional de máis de 1,5 millóns de edificacións, así como a incorporación de máis de 33.000 edificacións lixeiras (edificación construídas con materiais liviáns, de carácter máis ou menos estable, caracterizadas pola posesión de teito, como poden ser as marquesiñas, invernadoiros, alpendres e chabolas).

Base Topográfica de Galicia 10K é unha base de datos con información correspondente a dous produtos: o Mapa topográfico de Galicia 10.000 (MTG10), composto por preto de 4.100 mapas en formato pdf segundo a distribución normalizada de follas para toda a Comunidade Autónoma de Galicia; e a propia Base Topográfica de Galicia 10.000 (BTG10), en formato SIX para poder ser empregado mediante ferramentas propias de xestión é análise de información xeográfica.

Esta información tamén está dispoñible a nivel de cada concello, polo que se pode acceder a esta información en formato pdf e formato SIX coa distribución dos 313 concellos de Galicia. En total póñense a disposición preto de 8.816 arquivos dixitais.

Na elaboración desta información apostou pola maior eficiencia e eficacia no uso dos recursos mediante a integración de datos, tanto os de elaboración propia coma na información producida por diferentes organismos: como o Instituto Xeográfico Nacional (IGN), o catastro, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Aguas de Galicia, deputacións provinciais…, asegurando unha produción sostible mediante a redución de custos e duplicidades e a xeración de sinerxías e proxectos colaborativos entre administracións.

Así, grazas a estes traballos procurouse a actualización e edición da rede de transporte e incorporación de 1.260 quilómetros de de estradas, pistas e camiños; a incorporación de preto de 17.575 quilómetros de liñas de media tensión; a revisión dos espazos dotacionais e equipamentos; a incorporación de novas curvas de nivel, puntos de cotas e sobreados xerados a partires dun novo Modelo Dixital do Terreo, obtido a partir do voo LIDAR.

Tamén se fixo unha revisión da xeolocalización das entidades de poboación, así como a edición de 341 áreas empresariais e dos 129 portos de competencia autonómica e estatal.

Cartografía oficial e adaptada

o Instituto de Estudo do Territorio procedeu con esta actualización desta base de datos para poñer a disposición da cidadanía unha cartografía autonómica adaptada aos requirimentos da produción dixital da información, o que permite a súa utilización directa en Sistemas de Información Xeográfica (SIX), a integración en Infraestruturas de Datos Espaciais, a implementación en servidores web de mapas e o acceso a través de servizos web por outras páxinas web ou aplicacións específicas. Está información pode ser empregada e consultada por si mesma ou en combinación con outros conxuntos de datos, polo que resulta fundamental para a planificación e xestión do territorio e cubre todo o territorio de Galicia dun xeito homoxéneo.

Asemade, promóvese a difusión e reutilización da información xeográfica oficial e permite o seu emprego para a creación de novos eidos de negocio por empresas e emprendedores baseados na explotación da información contida nela, xa que a información xeográfica e o emprego da mesma na xeolocalización e na xeración de valor e un elemento posto de manifesto a nivel internacional.

A Consellería de Medio Ambiente avanza así no seu compromiso de seguir traballando na posta a disposición de información xeográfica dixital que facilite a actividade económica ao tempo que mellora a xestión dos recursos naturais e protexe o medio ambiente. Toda a información está accesible dende o centro de descargas (http://mapas.xunta.gal/visores/descargas/) e pódese consultar directamente no visor (http://mapas.xunta.gal/visores/basico/).