Medio Ambiente publica o novo Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Natural Monte Aloia, que entrará en vigor o 14 de marzo

Coa aprobación deste documento son xa catro os parques naturais da comunidade que contan cun instrumento de ordenación propio e actualizado
Publicado por o día 25/02/2020 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

Medio Ambiente publica o novo Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Natural Monte Aloia, que entrará en vigor o 14 de marzo

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou hoxe no DOG o decreto de aprobación do novo Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Natural do Monte Aloia, un instrumento de ordenación específico no que se detallan os obxectivos e criterios principais a seguir á hora de xestionar os distintos aproveitamentos, tanto públicos como privados, deste espazo natural. O documento entrará en vigor a partir do día 14 de marzo.

Cunha vixencia mínima de 10 anos, este é o segundo PRUX do Monte Aloia xa que o anterior fora aprobado en 2009. O Goberno galego responde así á necesidade de dotar a este parque dun instrumento de xestión propio, moderno e actualizado que desenvolva as directrices recollidas no seu Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) e que estableza á vez as previsións de actuación da Administración dentro do seu ámbito.

O novo PRUX, en todo caso, non fixa novas limitacións nin é máis restritivo que o PORN aprobado en 2001. Neste sentido, o documento busca ante todo clarificar e sistematizar a normativa existente co fin de contar cunha regulación única que compatibilice cada un dos usos permitidos coa conservación da biodiversidade deste espazo.

A aprobación deste decreto enmárcase no proceso de actualización normativa que impulsou a Xunta nos últimos anos co fin de dotar aos seis parques naturais que existen na comunidade dunha folla de ruta específica e adaptada ás súas necesidades e características particulares. De feito, a día de hoxe son xa catro os PRUX aprobados definitivamente en Galicia: o do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, en decembro de 2018; o do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra e o do Parque Natural do Invernadoiro, ambos en xullo do ano pasado; e finalmente, o do Monte Aloia.

Cómpre lembrar que os PRUX son ferramentas de ordenación nos que se detallan os obxectivos e as pautas de xestión que rexen en cada espazo natural por un período de tempo limitado. Á vez, protexen e regulan os usos e aproveitamentos permitidos en cada unha das zonas identificadas dentro dos parques e concretan as actuacións a desenvolver en materia de conservación, uso público ou investigación, entre outros.

Plan de Emerxencias

O obxectivo xeral e común a todos os plans reitores é garantir e manter o bo estado dos hábitats naturais e das especies de fauna e flora presentes nos parques, pero tendo en conta tamén as esixencias económicas, sociais e culturais de cada zona. Para a consecución destes obxectivos xenéricos, os PRUX contemplan unha regulación específica de usos e actividades, establecen unha zonificación clara do territorio con distintos niveis de protección e restricións, e inclúen un plan económico para dar soporte ás actuacións.

Así mesmo, o PRUX tamén contempla como novidade un Plan de Emerxencias, que será o primeiro co que conte este parque natural e que busca optimizar a utilidade dos recursos técnicos e humanos dispoñibles no mesmo, co obxectivo de controlar de forma rápida a evolución dunha eventual emerxencia e minimizar as súas posibles consecuencias.

Por outra banda, o decreto publicado hoxe non só aproba o segundo PRUX do Monte Aloia senón que tamén modifica o decreto orixinal de aprobación do seu PORN, co fin de homoxeneizar as denominacións da zonificación coas dos outros parques naturais de Galicia, facilitando así a súa interpretación, e adaptalas con maior coherencia á realidade actual dos hábitats e especies protexidas deste parque.

O primeiro parque natural

Declarado en 1978, o Monte Aloia, con apenas 746 hectáreas, foi o primeiro parque natural de Galicia. Situado no límite sur da Serra do Galiñeiro, un dos seus grandes atractivos son as vistas panorámicas dos vales do Miño e do Louro. As súas particulares características fan que o PRUX se fixe o reto de ampliar a proxección deste espazo natural cara á sociedade. Así, aspira a convertelo nun exemplo de xestión da auga e dos hábitats asociados, xa que no Aloia nacen cinco correntes fluviais e tamén é unha zona de recarga de acuíferos.

Na mesma liña, resalta o potencial deste parque para postularse como un espazo no que se desenvolven modelos de explotación silvícola do monte comunal que, ademais de rendibles e sostibles, tamén poden ser compatibles coa conservación da biodiversidade. Ademais, planifícanse medidas orientadas a restaurar os hábitats naturais do monte, contribuíndo a diminuír o risco de incendios e incrementar a resiliencia do conxunto fronte ao lume.

Para acadar estes obxectivos o decreto prevé un conxunto de medidas agrupadas arredor de catro programas de actuación: programa de conservación da biodiversidade, a paisaxe e o patrimonio cultural; programa de investigación, seguimento e avaliación; programa de extensión do uso público; e programa de mellora das infraestruturas e equipamentos.

De acordo coas previsións de usos e aproveitamentos a futuro incluídas no novo PRUX, elaborarase un programa económico-financeiro cunha vixencia mínima de 10 anos para financiar as actuacións correspondentes a estes catro programas. Nas dúas primeiras anualidades, o investimento previsto ascende a 200.000 euros, reservándose ao capítulo de xestión do uso público do parque a contía máis importante (85.000 euros).

En canto á zonificación, as catro zonas do PRUX de 2009 redúcense agora a tres: a de uso limitado, que abrangue os territorios cun valor de conservación alto polo que o seu uso público queda restrinxido; a de uso compatible, con predominio dos medios antrópicos e seminaturais, moi vencellados aos sistemas de aproveitamento tradicional; e a de uso xeral, que teñen un valor de conservación medio ou baixo e deben absorber, por tanto, a maioría das actividades de recreo e lecer, co fin de reducir a presión sobre áreas máis sensible.