A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no DOG a normativa que regula a pesca da anguía na desembocadura do río Ulla durante a vindeira tempada, que se estenderá desde o 1 de febreiro ata o próximo 31 de outubro.
Segundo consta na devandita resolución, queda aprobada a renovación do plan de aproveitamento específico desta especie para o ano 2021 e se manteñen os principais requisitos que rexeron nesta zona durante a campaña anterior.
Deste xeito, o tamaño mínimo das capturas queda fixado en 20 centímetros, coa obriga por parte dos pescadores de devolver ao río aqueles exemplares que non dean a talla, así como as anguías prateadas e outros tipos de peixes que poidan entrar nas nasas.
Así mesmo, para poder practicar a pesca desta especie na desembocadura do Ulla a única arte permitida será a nasa-voitirón, cun tamaño de malla non inferior a 14 milímetros e un límite de 80 nasas ao día por embarcación, de acordo ao disposto no Plan de Xestión da Anguía en Galicia. As nasas deberán ser levantadas e revisadas diariamente e terán que baleirarse o máis rápido posible para evitar a morte das capturas accidentais.
O horario autorizado para levar a cabo esta práctica estenderase, con carácter xeral, desde as 12.00 horas do luns e ata as 12.00 horas do sábado, cun máximo de oito horas diarias de traballo, e quedando en todo caso vedada fóra desa franxa.
Cómpre lembrar que a pesca da anguía é unha actividade profesional tradicional que se desenvolve nalgunhas zonas de desembocadura dos ríos galegos. No caso concreto do Ulla, o plan de aproveitamento da especie para 2021 autoriza a faenar a 15 embarcacións con 35 tripulantes pertencentes á Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Carril (Ribeira) e á Confraría de Virxe do Carmen de Rianxo. O número máximo de tripulantes por embarcación será de tres.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.