A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou esta mañá unha publicación sobre as árbores e formacións senlleiras da Ribeira Sacra, na que se reúne o patrimonio natural e etnográfico que atesoura esta comarca de Galicia.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda elaborou a Guía das árbores e formacións singulares na contorna da Ribeira Sacra, na que se inclúe o Carballo do Pazo de Cartelos, un dos mellores exemplares de carballo que hai en Galicia e en España, e que foi o escenario no que se presentou esta guía. Destacou que se trata dunha iniciativa impulsada pola Consellería de Medio Ambiente e unha das dez accións que forman o Plan de acción para a Ribeira Sacra, promovido polo Goberno galego.
A guía pon en valor un total de 16 árbores senlleiras e dúas formacións que se atopan en 11 concellos desta comarca, polo que estes exemplares naturais, de beleza e importancia extraordinaria, son o fío condutor que definen un total de seis rutas para coñecer o patrimonio que sae ao camiño. Son seis itinerarios que se poden realizar a pé, en bicicleta ou en coche e para cada unha delas se achega información esencial, como a distancia, punto de orixe e destino, percorrido e puntos de interese; así como unha pequena historia e detalles históricos sobre a localización ou a súa contorna. De xeito complementario, tamén se inclúe información relativa ao eido cultural, turístico, gastronómico e de interese da zona, e referencias ás páxinas web, por se os visitantes queren ampliar a información.
Segundo explicou a conselleira, a guía permite a quen viaxa planificar e gozar da experiencia de coñecer distintas paraxes seguindo a pegada destes elementos naturais; ao tempo que potenciamos a súa conservación a través da divulgación dos valores naturais que os fixeron merecedores deste distintivo.
Ángeles Vázquez salientou que este é un novo paso adiante na protección do patrimonio natural, un dos maiores tesouros dos galegos, onde destacan as árbores que están no ADN de Galicia e que son as protagonistas indiscutibles da paisaxe galega e selo identificador da terra galega.
Nese sentido, recordou que recentemente se convocaron dúas ordes de axudas, por un importe global de 90.000 euros, dirixidas aos propietarios dos 178 elementos (árbores ou formacións) inscritos no Catálogo de Árbores Senlleiras para axudarlles na conservación, protección e mellora das mesmas, subvencionando actuacións como a realización de podas e actuacións de formación e control da copa e de mellora da contorna, aplicación de tratamentos fitosanitarios, e accións de divulgación e sinalización e realización de estudos para a conservación destes exemplares.
Plan de acción estratéxico para a Ribeira Sacra
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recordou que a guía presentada esta mañá é un dos dez proxectos que se recollo no Plan de acción estratéxico para a Ribeira Sacra, impulsado polo Goberno galego, e que representa unha estratexia de actuación ambiental e de ordenación que beneficia a 30 concellos.
Lembrou que desde a posta en marcha, no ano 2019, desta iniciativa para a conservación do patrimonio material e inmaterial desta zona privilexiada de Galicia se teñen acadado fitos importantes. O máis recente, o Pacto pola Paisaxe da Ribeira Sacra, o segundo que se firma en Galicia; ou a declaración da Área Integral da Ribeira Sacra e convocatoria de axudas, a recuperación dos espazos públicos abeiro do Plan hUrbe, a tramitación do Plan de Ordenación do Medio Físico de San Fiz de Asma; ou o impulso á candidatura a reserva da biosfera da Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel, que será o único espazo en todo o país que opte a acadar este distintivo no presente ano.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.