A Consellería do Medio Rural ten aberto ata o próximo día 23 de maio o prazo para inscribirse na XXXI Cata dos Viños, XXI Cata das Augardentes e VIII Cata dos Licores de Herbas e Licor Café de Galicia. As catas oficiais celebraranse entre o 11 e o 14 de xuño en Santiago.
Para optar a estes premios, é preciso pertencer a algunha das cinco denominacións de orixe dos viños galegos ou das indicacións xeográficas protexidas da nosa Comunidade e contar cunhas existencias mínimas de produto amparado, tal e como establecen as bases das catas. As adegas que queiran participar poderán facelo cun máximo de dúas marcas en cada categoría, sempre da colleita anterior, é dicir, do 2018 ou ben do 2017 ou anteriores cando estes últimos estivesen en contacto con madeira nalgunha das fases da elaboración. Estas mostras participarían na categoría de elaboración con madeira ou ben na categoría de colleitas anteriores. Os interesados deben remitir os boletíns de inscrición ao correspondente consello regulador como data límite ata o vindeiro xoves 23 de maio.
Así, ao igual que na pasada edición, pódese participar en 19 categorías. Para as denominacións de orixe Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Monterrei, diferenciando entre viños brancos e tintos, a partida mínima homoxénea que deben ter é de 5000 litros. Para os viños de colleiteiro e de pequenas adegas, as existencias mínimas na adega son de 2500 litros.
En canto aos viños con indicación xeográfica protexida ou “Viños da Terra”, espumosos e ecolóxicos, requírese unha existencia mínima na adega de 1250 litros. Por suposto, todas as partidas de viño ou destilados terán que estar certificadas polo consello regulador ao que pertenzan ou ben pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), segundo proceda.
Outras categorías do concurso son as de viños de variedades senlleiras, colleitas anteriores, elaboración con madeira e tostados. Para estas categorías é preciso ter unhas existencias mínimas en adega de 500 litros. Con isto preténdese recoñecer aos viños máis elaborados e dar visibilidade ás pequenas producións e á calidade que teñen nos últimos tempos.
Proceso
Unha vez rematado o prazo de inscrición, persoal da Agacal, xunto cun representante de cada consello regulador visitarán as adegas participantes para a recollida das mostras. Alí, despois das comprobacións pertinentes, escolleranse seis botellas aleatorias do lote concursante.
Catas 2018
Na edición do 2018 contouse coa participación de 392 mostras inscritas: 350 de viños de 169 adegas pertencentes ás DO de Valdeorras (16 adegas), Ribeiro (42), Rías Baixas (54), Monterrei (16), Ribeira Sacra (31) e ás IXP “Viños da Terra” (6) e adegas inscritas no Craega (4). Por outra banda, participaron 42 mostras de 18 empresas pertencentes ás indicacións xeográficas protexidas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.
Na elección do panel de cata preténdese que estea representado todo o sector do viño, tanto produtor como da cadea de comercialización. Así, entre os membros do panel están membros dos diferentes consellos reguladores, representantes de asociacións de enólogos e sumilleres, persoal da distribución, do sector da comunicación e dos medios informativos e mesmo catadores de prestixio a nivel nacional.
Pódense consultar as bases neste enlace.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.