Migallas teatro trae á Guarda este sábado «Elas pintan moito»

Publicado por o día 01/10/2019 na sección de Galicia,A Guarda

Migallas teatro trae á Guarda este sábado «Elas pintan moito»

O sábado día 5 de outubro o Salón de Actos do Centro Cultural da Guarda acolle ás 11:30h a actividade “Elas pintan moito“, unha sesión de contos para público familiar baseada na obra de diferentes pintoras e nos elementos que as inspiraron.

Nesta actividade, enmarcada no Programa Ler conta moito 2019 de Igualdade e Violencia de Xénero e organizada pola Biblioteca Pública Municipal en colaboración co CIM Centro de Información á Muller,  abórdase a cuestión da igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos da vida, desde o máis cotiá ata o da creación artística.

Durante a sesión, as nenas e nenos, alén de coñecer as principais obras destas pintoras, descubrirán facetas da súa vida persoal que as converteron en modelos de independencia fronte aos prexuízos machistas da sociedade que as rodeaba.

Tamén se anima a desenvolver as capacidades creativas das nenas e nenos sen ningún tipo de traba e de ideas preconcibidas.

O obxectivo é a dinamización da lectura que promova a igualdade entre homes e mulleres e a prevención da violencia de xénero.