O Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación de Pontevedra segue coa súa boa racha de adopcións neste inicio de ano e precisamente nestes últimos días dous dos cans que permanecían no centro atoparon un novo fogar fóra de Galicia, en concreto en Xixón e Madrid. As persoas que adoptaron a “Mosto” e “Sura” viñeron expresamente desde os seus lugares de residencia para levarse a estes cans, que levaban desde finais do pasado ano no centro.
No caso concreto de “Sura”, que fora recollida tras ser abandonada en Sanxenxo en decembro, os seus novos donos ficaron con ela nada máis vela cando visitaron o CAAN durante as vacacións de Nadal coa idea de informarse sobre adopcións. “Nós pensabamos adoptar e mentres estivemos de vacacións na contorna nos falaron do centro –explica o adoptante, Roberto Seijo– E fomos coa idea máis que nada de informarnos para adoptar un cachorro. A verdade é que alí dan ganas de levarse a todos, pero a nós se nos cruzou a cariña de Sura. Estaba moi tranquiliña. E nos dixeron que había que esperar para adoptala unha semana, así que volvemos a Madrid sen ela. Logo, púxose mala cando tiñamos as maletas preparadas para vir outro fin de semana, así que tampouco puido ser. Pero por fin, a pasada fin de semana fomos a por ela e xa está en casa”.
A adaptación de “Sura”, unha mestiza dun ano que ten cruce de setter e, está sendo todo un éxito. “É moi boa, e aínda que é un cambio grande en casa, porque é a primeira vez que temos un can, a verdade é que nos recompensa”, comenta o seu novo dono, que tamén quere destacar a profesionalidade do persoal do CAAN á hora de informarlles e atender a súa solicitude.
Tamén viñeron desde Asturias ex profeso para levarse a “Mosto”, abandonado en Crecente no mes de novembro, José Luis Bernedo e Carmen Velasco, residentes en Xixón. Neste caso, contactaron co CAAN a través da páxina web para informarse sobre un can en concreto, xa que tiñan interese nun animal tranquilo, de menos de dous anos e de menos de doce quilos para vivir nun piso, trala morte do seu anterior can no Nadal. Tras comprobar que o elixido non cumpría esas características, barallaron outros catro e decidiron vir a Meis para velos. Así, esta pasada fin de semana leváronse a “Mosto”, un mestizo dun ano de idade que tamén se está adaptando moi ben o súa novo contorno. Para esta parella, é o seu segundo can adoptado, “e é unha experiencia que recomendaría“, destaca José Luis, que tamén alaba o trato recibido polo persoal do centro. “De feito, pensabamos poñer o comentario na web porque estamos encantados coa experiencia”, comenta o novo dono de “Mosto”.
Adopcións fóra de Galicia
Na recente presentación do balance do CAAN durante o pasado ano, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, explicou que dos 466 animais adoptados no 2019, 413 foron a fogares de España (a maioría en Galicia, 405, e 8 ás outras comunidades) e 53 a Portugal. “Por provincias –relatou–, á cabeza se sitúa Pontevedra, con 345, mentres que para Lugo foron 36, para A Coruña 14 e para Ourense 10. E dentro da provincia pontevedresa, os concellos que máis adoptaron foron Sanxenxo (35), Pontevedra (32), e Meis (30).
O Centro de Acollida e Protección de Animais que xestiona a institución na Armenteira, dá servizo actualmente á 48 concellos da provincia, cunha poboación estimada de 400.000 habitantes. Nestes momentos, son arredor de 350 os cans e cadelas que se atopan nas instalacións á espera de ser adoptados. Na páxina web do centro (https://caan.depo.gal/), ademais de poder ver a todos os animais, pódense facer tamén todos os trámites relativos ás adopcións, que son gratuítas. Os cans e cadelas son entregados vacinados, desparasitados e esterilizados.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.