Museos que mostran o pasado de Rías Baixas

Os museos etnográficos achégannos á nosa historia recente. Facemos unha ruta por todos os que se poden visitar na provincia de Pontevedra
Publicado por o día 30/03/2018 na sección de Turismo

Museos que mostran o pasado de Rías Baixas

Outra forma de coñecer a historia dunha localidade é a través dos seus museos e galerías. Algúns dos máis destacados foron ben recollidos durante a presentación da campaña Somos historias o pasado 28 de febreiro baixo o epígrafe de Gardiáns de tesouros.

Entre eles, habería que facer unha mención especial aos etnográficos. Espazos que nos permiten viaxar atrás no tempo e coñecer o legado da nosa historia recente. Estes son os que se poden visitar na provincia:

Museo Etnográfico Xosé Neira Vilas. É o primeiro museo deste tipo que atopamos se realizamos a procura desde o norte da provincia. Situado en Vila de Cruces, ademais de mostrar a casa de nacemento do gran escritor que leva o nome da fundación, expón permanentemente toda clase de ferramentas dedicadas á pesca, apicultura, carpintería, cultivos e a outros mesteres levados a cabo polas e os distintos profesionais ata hai apenas uns anos, de feito, é posible que algunha das ferramentas siga sendo de uso para máis dunha persoa artesá.

Museo Etnográfico Casa do Patrón. Trátase dun dos máis destacados centros etnográficos na provincia e localízase en Lalín. Posúe máis de 2.000 metros cadrados divididos en tres edificios e cuxa mostra abarca máis de 4.500 pezas traídas de toda Galicia e pertencentes ao últimos tres séculos. Colección que inclúe salas para mostrar hábitos de vida ou oficios esquecidos. Mais non só funciona como museo, senón que nel realízanse actividades tanto a nivel individual como grupal para lembrar e aprender traballos artesanais, desde a cestería ata a preparación de produtos alimenticios como o pan ou o queixo.

O MASAT foi o primeiro museo arqueolóxico de Galicia e desde 2017 pode presumir de alcanzar os cen anos

Centro Etnográfico de Terra de Montes (CETMO). É outro dos máis destacados e neste caso atópase en Forcarei. Nel expóñense pezas e modos de vida da Galicia do século XIX ata a época pre-industrial dos anos 60. Mostra a forma de vida dos homes e mulleres do campo e outros oficios como a carpintería, o traballo en pedra ou a matanza “do porco”, e posúe salas específicas como a dedicada ao tecido artesanal do liño no século XIX. Tamén inclúe unha visión sobre a emigración galega ou o modo de vida tradicional.

Museo Etnográfico Liste, en Vigo, do mesmo xeito que os anteriores presenta unha mostra de obxectos ligados a profesións do pobo galego.

Cambiando de localización, en Cambados posuímos varios museos do tempo, como o Museo do Muíño de Mareas da Seca, ou o Museo-Casa do Pescador, antigo aloxamento real de pescadores. Aínda que o máis popular sexa posiblemente o Museo do Viño. Recollido tamén no catálogo de Gardiáns de tesouros, foi o primeiro dedicado ao viño en Galicia, e un dos primeiros en España.

Como tamén se inclúen nese catálogo o Centro de Interpretación do viño e a lamprea (Arabo) de Arb , e os arqueolóxicos do Monte Santa Trega (MASAT) na Guarda, e o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR). O MASAT foi o primeiro museo arqueolóxico de Galicia e desde 2017 pode presumir alcanzar os cen anos. Pola súa banda, o PAAR ofrece unha das extensións máis grandes de petróglifos de toda Europa.

E ligados ao mar, tamén atopamos o Museo da Pesca e a Salgadura no Grove. Completan a lista de museos etnográficos o Centro Cultural Museo Manuel Lamazares de Rodeiro e o de Pazo da Cruz en Covelo .

Aínda que, moitos abren estes días de Semana Santa (PAAR, Casa do Patrón ou o da Pesca e a Salgadura entre outros), é conveniente confirmar co centro os horarios definitivos nos días de festa, xa que outros non abren os festivos e algún como a Casa do Pescador ou o Muiño Mareas da Seca só o fan na tempada estival.