Música e cine comprometido para inaugurar o 11º Festival Internacional de Curtas de Bueu

Publicado por o día 07/09/2018 na sección de Galicia,Bueu

Música e cine comprometido para inaugurar o 11º Festival Internacional de Curtas de Bueu

O 11º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu abrirase este venres, 7 de setembro, cun gran acto de inauguración no que se estrearán as curtametraxes realizadas no marco da Área Social do FICBUEU, apoiada pola Obra Social ’la Caixa’. O evento, no que intervirán os colectivos participantes, contará coa presenza dalgúns dos actores e actrices protagonistas, como David Seijo, Mónica Camaño ou Sabela Hermida.

Deste xeito, a partir das 21 horas proxectaranse no Centro Social do Mar os títulos Conspiración romántica, elaborado no Colexio de Educación Especial de Vilagarcía; Fala calado, autoría da Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama (ADICAM), e A mentira secreta, obra da Asociación Juan XXIII de Cangas. A premiere estará ademais amenizada polo pianista Severiano Casalderrey e a violinista Amara Ríos.

No entanto, a música comezará a soar xa ás 20.30 horas da man de The Alley Stompers, unha singular proposta que recreará a atmosfera da New Orleans dos anos 20 e 30 nos exteriores do auditorio, nunha actuación incluída no plan Pontegal da Deputación de Pontevedra. O grupo de jazz acompañará ao público tamén á saída, ata o Punto de Encontro, onde terá lugar terá lugar unha cata de viños cortesía de Don Pedro de Soutomaior (D.O. Rías Baixas).

A xornada inaugural clausurarase co directo de Xoel López, que a partir das 22.30 horas ofrecerá un concerto íntimo onde pouco máis de 200 persoas poderán gozar dos temas do seu último disco, ‘Sueños y pan’, no que tras máis de dúas décadas de traxectoria o artista coruñés busca o equilibrio entre a liberdade e a estabilidade. Esta será a única actividade do día para a que será preciso adquirir unha entrada, que permanecerán á venda ata as 14 horas do venres en www.ficbueu.com/entradas. Para a estrea das curtas da Área Social, bastará con recoller un convite no despacho de billetes, que estará aberto desde as 17 horas.

De Vacas, Cortés, Davila e Galicia R

A programación do FICBUEU 2018 intensificarase o sábado cunha variada axenda que dará comezo ás 11.30 horas coa charla ‘Foley Artist, creando sons de película’, con demostracións ao vivo para descubrir os segredos dun dos oficios máis singulares na elaboración dun filme. Será no Punto de Encontro, onde tamén se ofrecerá un vermú cortesía de Bodegas Lodeiros. Ás 13 horas terá lugar o concerto de De Vacas nos exteriores do Centro Social do Mar e, xa pola tarde, servirase un Café con CREA, xentileza de Galicia Calidade, para amenizar o coloquio organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Dirección e a Realización. Todas elas son actividades de acceso libre e gratuíto.

De Galicia a Hollywood: salto ou esforzado arrastrarse?’ é o título do show ao vivo que protagonizarán o director Rodrigo Cortés, o escritor Juan Gómez-Jurado e o humorista Arturo González-Campos no Centro Social do Mar, ás 18 horas. Dúas horas máis tarde iniciaranse as proxeccións, coa Sección Galicia R e a presentación a cargo dalgúns dos directores das curtas a concurso, como son Fon Cortizo, Noemí Chantada ou Álvaro Gago, que tamén participarán no coloquio posterior. A actividade ‘Debuxando coa luz’ pechará a axenda do sábado, cos ilustradores Luis Davila e Marc Taeguer creando ao son de Fuzzo no auditorio.

O domingo arrincará cunha nova charla-vermú, desta volta impartida por Lucía Catoira arredor da ‘Fotografía no cinema’, que dará paso ao Encontro con Mabel Rivera, unha conversa en profundidade guiada pola xornalista Marisa Ciordia tras a que a recoñecida actriz recibirá o Premio Cinema Galego 2018, un dos premios de honor do FICBUEU. A partir das 18 horas realizarase desde a vila o programa radiofónico Carne cruda, no que finalmente non poderá participar outro dos galardoados este ano, o cineasta finlandés Juho Kuosmanen, por problemas de saúde. Ás 20 horas desenvolverase a Sección España, cos mellores traballos do último ano no eido estatal, e ás 22 horas o monólogo de Carlos Blanco.

Durante a semana, as tardes terán unha estrutura semellante de luns a venres, xa que ás 18 horas iníciase a Sección Panorama, coas mellores producións mundiais que non entraron a concurso, mentres que os pases da Sección Internacional terán lugar ás 19.45 e ás 22 horas, con coloquio entre ambas as dúas sesións. Mércores, xoves e venres pola mañá haberá proxeccións para escolares, e tanto este último día coma o seguinte desenvolveranse máis actividades para a rapazada, coma os contacontos ou o espectáculo Radio BuleBule. O sábado 15 terá lugar tamén a charla-vermú con destacados críticos cinematográficos. En canto aos actos de peche, a Banda de Música Artística de Bueu ofrecerá un repertorio de bandas sonoras desde as 20.30 horas, media hora antes de que se celebre a Gala de Clausura, coa posterior festa para as persoas asistentes.