Novo número de ‘Cumieira’, os cadernos de investigación da nova Filoloxía Galega

Todos os traballos están asinados por alumnado ou persoas egresadas pola UVigo
Publicado por o día 14/11/2019 na sección de Universidade de Vigo,Galicia,Vigo

Novo número de ‘Cumieira’, os cadernos de investigación da nova Filoloxía Galega

Seis investigacións sobre lingua ou literatura galega realizadas por mozas e mozos investigadores formados nas aulas da Universidade de Vigo. Este xoves presentouse na Facultade de Filoloxía e Tradución o número 4 de Cumieira. Cadernos de investigación da nova Filoloxía Galega, un proxecto do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo que naceu co fin de dar a coñecer traballos académicos das e dos investigadores máis novos do ámbito da Filoloxía Galega.

“Este volume 4 vén consolidar a publicación e xa estamos a preparar o vol. 5, que sería o primeiro lustro da publicación. Ata o de agora levamos publicados 24 traballos de temática moi variada, tanto referidos á lingua como á literatura”, explicou na presentación o profesor Xosé A. Fernández Salgado, editor da revista, que estivo acompañado polo director do departamento, Alexandre Rodríguez Guerra, e varias autoras e autores dos artigos: Lorena Puga, Manuel Vilaboa e Sonia Sobral.

Visións novas sobre fenómenos poucos estudados ou sen estudar

Neste novo volume recóllense seis artigos. No capítulo inicial, Javier Benavides, graduado en Educación Primaria, reflexiona sobre o ensino da lingua galega na Educación Primaria, sobre a natureza das linguas e a relación que establecen cos falantes, sobre os prexuízos cara ao galego e das relacións entre o idioma estándar e as variedades dialectais. Segue o estudo de Lorena Puga, graduada en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, no que confirma a existencia de teísmo (non facer distinción no sistema pronominal da segunda persoa entre te e che) en tres parroquias do concello de Tui, ademais de informar sobre a conciencia e percepción que del teñen os propios entrevistados.

Pola súa banda, a partir de enquisas a falantes de Pazos de Borbén, Manuel Vilaboa, alumno do Mestrado en Educación Secundaria –na especialidade de Linguas e literaturas oficiais-, describe a paisaxe dialectal deste concello no relativo á alternancia e nivelación na pronuncia que se dá no elemento velar dos grupos consonánticos /ng/ e /nk/ en casos como chancleta / changleta. Vén a continuación o traballo de Brais Rodríguez, alumno do Mestrado en Dificultades Específicas da Aprendizaxe e Procesos Cognitivos, quen indaga sobre os prexuízos do alumnado de 6º de Educación Primaria dun colexio do centro da cidade de Ourense despois de oír o mesmo texto en galego cunha pronuncia estándar e outra con marcas dialectais evidentes. Doutra banda, as relacións entre linguaxe e fotografía, en tanto que sistemas de comunicación que re-presentan o mundo, é sobre o que reflexiona Raquel Vázquez, alumna do Mestrado de Profesorado de Educación Secundaria, a partir da análise do arquetipo de muller galega que translocen tres fotografías cunha figura feminina de tres épocas distintas dos fotógrafos Xosé Suárez, Virxilio Viéitez e Cristina García Rodero.

Finalmente, no último traballo do volume, Sonia Sobral, licenciada en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e quen na actualidade traballa como profesora de Ensino Secundario, realiza un estudo de gramática contrastiva de pronomes e tipoloxía oracional entre galego e romanés a partir da tradución a este idioma dun texto de Álvaro Cunqueiro.

Talento que sae da FFT e de Ciencias da Educación

“Todos os traballos están asinados por alumnado que foi ou é da Universidade de Vigo: algúns da Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo; outros da de Ciencias da Educación do campus de Ourense”, explica o editor da revista, que fai tamén fincapé en que algún dos fenómenos que se describen, como o caso do teísmo en Tui ou a alternancia da pronuncia de –NG- -NK- nos falantes de Pazos de Borbén “que son fenómenos que estaban sen estudar ou pouco estudados”. Tamén hai casos como o de Raquel Vázquez, que “sen ser un estudo filolóxico, resulta interesante porque aborda aspectos do discurso fotográfico en Galicia, explorando, en clave de xénero, as relacións entre fotografía e linguaxe”, recalca Fernández Salgado.