O alumnado do Programa de Maiores déixase seducir polos misterios do Antigo Exipto

Impartido pola investigadora Eugenia Muñoz na EU de Estudos Empresariais
Publicado por o día 07/04/2018 na sección de Universidade de Vigo

O alumnado do Programa de Maiores déixase seducir polos misterios do Antigo Exipto

A cultura do val do Nilo, chea de misterios, sempre chamou a atención de todos os públicos e semella que o fai especialmente do alumnado do Programa de Maiores da Universidade de Vigo que, un curso máis, copou as prazas do obradoiro de Extensión Universitaria Introdución á Cultura Exipcia II: Cultura, Arte e Literatura que se imparte na Escola de Estudos Empresariais e que vai xa pola súa terceira edición en Vigo.

As clases arrancaron en febreiro e a estas alturas do curso as algo máis de vinte persoas que asisten ao obradoiro xa tiveron a oportunidade de retrotraerse no tempo e coñecer máis de preto algúns dos segredos mellor gardados desta cultura, aprendendo incluso a interpretar os xeroglíficos inscritos nas pirámides que custodiaban os sepulcros dos faraóns.

O obradoiro corre a cargo de Eugenia Muñoz, investigadora do grupo Geaat (Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio) da Facultade de Historia, quen recoñece que “traballar con estudantes sénior sempre dá moi bos resultados, pois participan moito, preguntan constantemente, están moi interesados…”. De feito, tal e como explica a docente, o alumnado do Programa de Maiores leva sendo o público habitual desta actividade dende que se puxo en marcha, inicialmente no campus de Ourense. “Ante a demanda do alumnado sénior decidimos impartir o curso tamén en Vigo e imos xa pola terceira edición”, sinala a docente do obradoiro.

A cultura exipcia e a galega, unidas polo máis alá

Centrándose en aspectos relacionados coa cultura e a lingua exipcias, os contidos do curso están distribuídos en dúas partes. Na primeira, estudan a relixión politeísta do Antigo Exipto e outros aspectos do que era a vida cotiá desta civilización, descifrando tamén algúns xeroglíficos inscritos nas pirámides dos faraóns. Por outra banda, xa na segunda parte do obradoiro, os asistentes estudan a influencia do máis alá exipcio na concepción occidental da morte, en especial na cultura galega. Deste xeito, os participantes aprenden, por exemplo, que algunhas imaxes do Xuízo Final que aparecen nas igrexas da Ribeira Sacra, así como en diferentes monumentos situados nos lindes entre Galicia e Portugal, teñen moito que ver coas lendas exipcias sobre Osiris, deus da morte, e Maat, deusa da xustiza, ou tamén nos monumentos ás almas, os petos de ánimas… “En definitiva, hai un marcado paralelismo entre o pasamento da alma cristiá e a antiga psicotase exipcia”, destaca Muñoz.

“Vídeos, textos e charlas animadas polos debates que xorden na clase axúdannos a ver con outros ollos a sempre apaixonante historia dos exipcios”, recalca a responsable do curso.