O alumnado galegofalante toma a palabra no almanaque da Área de Normalización Lingüística

Recolle experiencias, opinións e consellos de 12 estudantes da Universidade de Vigo
Publicado por o día 11/01/2021 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O alumnado galegofalante toma a palabra no almanaque da Área de Normalización Lingüística

Coincidindo co inicio do ano, a Área de Normalización Lingüística, ANL, acaba de difundir o seu almanaque, que en cada edición se ocupa dunha temática relacionada co galego. Co fin de expoñer as vivencias dos galegofalantes no eido universitario, neste novo documento toman a palabra os estudantes e cada un dos doce meses de 2021 está protagonizado pola fotografía dun alumno ou alumna e a súa opinión arredor da realidade lingüística da Universidade de Vigo.

A publicación do calendario busca, como todas as accións desenvolvidas desde a ANL, “incrementar o uso da lingua galega e dotala de prestixio en todos os ámbitos”, segundo se explica no propio almanaque. Nesta ocasión, optouse por visibilizar e poñer en valor o esforzo dun alumnado que, “vivindo en galego na súa cotiandade universitaria”, pode servir de referente para toda a mocidade.

Unha das protagonistas é a alumna do grao en Comercio Alexia Carlón, que asegura que se trata dun idioma que che serve “para relacionarte, mesmo internacionalmente”. Pola súa banda, Ana Rodríguez, estudante de Enxeñaría Informática, recorda que na UVigo hai numerosas actividades para reforzar a lingua, como a convocatoria de axudas para a realización do TFG e TFM en galego, algo que considera “moi útil para que o alumnado colla confianza no uso formal da lingua”. Valeria Martínez, alumna de Belas Artes, lembra que “o peor galego é o que non se fala”, animando á mocidade a empregar a súa lingua materna. Neste mesmo sentido afirma Sandra Pérez, de Educación Infantil, que “moitísimas veces, co galego, a barreira somos nós”. Martínez tamén cre que o momento actual é decisivo para a historia da fala e aposta pola xente nova, que ten que facerse “consciente e responsable de enaltecela ou de esquecela”.

O contexto universitario resulta propicio para falar galego

Daniel Fernández conta a súa experiencia persoal, na que a entrada no Grao en Comunicación Audiovisual serviu para dar o paso, xa que “tiña claro que ao vir á universidade ía cambiar ao galego; ao ser un ambiente novo, no que aínda non te coñece ninguén, non tes presión porque te xulguen”.

Como Fernández, case todos os participantes do calendario coinciden en que a Universidade é un espazo favorable para a práctica do galego e moitos sinalan as diferenzas existentes co ensino secundario, no que non se conta con tanto apoio institucional. Diego Vázquez, alumno de Educación Primaria, recoñece que desde que comezou a súa andaina universitaria usa a lingua con máis frecuencia e séntese “máis cómodo á hora de falar galego en comparación co instituto”.

Doutra banda, Lucas Rojo, de Enxeñaría da Enerxía, sinala a variedade dialectal do contorna da UVigo como un punto positivo, aínda que comenta que “moi poucos docentes falan este idioma”. Tamén bota en falta máis clases impartidas en galego Alexia Carlón, que conclúe que “debe facerse un esforzo neste sentido”.

Esta semana comeza a distribución nos centros dos tres campus

A Área de Normalización Lingüística distribuirá a partir desta semana os 1000 exemplares editados deste almanaque. O reparto realizarase a través das conserxerías dos centros dos tres campus para todo o PAS e o PDI interesado. Ademais, tamén está dispoñible en formato PDF para a súa descarga ou impresión na web da ANL.

Comentar noticia

Your email address will not be published.