Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Alimentación, o campus de Vigo acollerá o vindeiro 16 de outubro a II Xornada de Riscos Emerxentes en Seguridade Alimentaria. Os obxectivos do evento pasan por dar a coñecer a importancia das redes de identificación de riscos emerxentes e poñer en evidencia algúns perigos considerados de importancia en seguridade alimentaria.
O encontro, que se desenvolverá a partir das 09.30 horas no edificio Miralles, está organizado pola Rede Galega de Riscos Emerxentes en Seguridade Alimentaria (Risegal), da que forman parte grupos de investigación do CSIC e das universidades galegas, entre eles, tres da Universidade de Vigo: Análise Química de Biotoxinas Acuáticas, Contaminantes Ambientais e Alimentarios, dirixido por Ana Gago; Investigacións Agroambientais e Alimentarias, coordinado por Jesús Simal e Tecnoloxía dos Alimentos, cuxo coordinador é o profesor Francisco Javier Carballo. Na xornada participarán especialistas en perigos emerxentes de diferentes universidades e institutos de investigación nacionais, así como representantes das redes nacionais e europeas de riscos emerxentes.
A xornada, en dous bloques temáticos
A xornada desenvolveranse en dúas partes, tras unha apertura da man da investigadora do IIM-CSIC e coordinadora da rede, Marta López Cabo, xunto con Ana Canals Caballero, da Agencia Española de Seguridad Alimentaria y Nutrición. O primeiro bloque centrarase no papel das redes nacionais e europea e a segunda nos riscos emerxentes, abordando temas como a prevalencia de virus humanos entéricos entre moluscos de Galicia, os microplásticos no medio ambiente e tamén na dieta, a presenza de metáis nas algas ou o virus da hepatite E.
Risegal, dende 2017
Risegal naceu en 2017, unindo os esforzos e coñecementos do CSIC e as universidades galegas, e coa colaboración de Clúster Alimentario de Galicia e a Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública. A súa misión é identificar perigos químicos e microbiolóxicos emerxentes en seguridade alimentaria en Galicia que puideran xurdir tendo en conta factores ambientais e socioeconómicos como o cambio climático, os novos hábitos de consumo, o envellecemento poboacional ou a globalización.
O aforo da xornada é limitado e a inscrición pode facerse neste enlace.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.