O campus pon en valor as súas 400 árbores no Día Mundial dos Bosques

A colocación dunha serie de carteis con códigos QR permite identificar os exemplares máis representativos
Publicado por o día 21/03/2018 na sección de Universidade de Vigo

Ao longo das preto de sete hectáreas que comprende o campus da Xunqueira poden atoparse preto de 400 árbores, entre as que figuran grandes exemplares de Platanus hispanica e de Cedrus deodara, o cedro do Himalaia, así como un grupo de moreiras, Morus alba. Árbores que, nunha iniciativa impulsada pola Vicerreitoría, a Escola de Enxeñaría Forestal e a Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade, coa colaboración do Servizo de Xardinería, o campus busca poñer en valor a través dun proxecto de catalogación, presentado este 21 de marzo ás portas da EE Forestal, con motivo da conmemoración do Día Mundial dos Bosques. Inserida no proxecto Green Campus, esta iniciativa abrangueu a instalación dunha serie de placas identificadoras do exemplares máis representativos, desde as obter máis información sobre as diferentes especies mediante códigos QR, xunto cos traballos de xeolocalización que se están a desenvolver e que permitirán obter información de cada un dos exemplares que integran o arboreto do campus a través da rede.

“Un arboreto é unha colección viva de árbores que cumpre o dobre obxectivo de ser estudado cientificamente e máis servir para divulgar as propiedades e características das unidades que o compoñen”, sinala Luis Torres, coordinador dos traballos que, xunto ao bolseiro do programa Green Campus, Emilio Iglesias, se levan a cabo nesta escola para poñer en valor esta colección viva de árbores, na súa maioría frondosas. Traballos que presentaron xunto á subdirectora, Ángeles Cancela, e o secretario da EE Forestal, José Manuel Casas; o director da Área de Planificación do campus, Celso Cancela, e representantes tanto deste centro como da Comisión Green Campus.

Un proxecto con catro fases

Segundo relatou Torres, o proxecto de catalogación e posta en valor do arboreto do campus comprendeu en primeira fase a catalogación da totalidade das especies e a súa xeorreferenciación para logo abranguer á identificación ds especies de maior “interese para o visitante” cos 30 carteis de madeira, elaborados no propio centro, instalados nestes días. Estes letreiros, ademais de achegar tanto o nome común e científico da árbore, a súa familia e lugar de procedencia, inclúen tamén un código QR que enlaza coa ficha da árbore na base de datos botánica elaborada pola OMA.

A partires de aí, unha terceira fase, que se atopa en desenvolvemento, céntrase na creación dun “mapa interactivo baseado na tecnoloxía de Google Maps”, que sitúa no mapa desta plataforma todos os exemplares coa súa ficha técnica, iniciativa á que se sumará o trazado dunha “ruta de referencia que sirva de guía para posibles visitas”. Mais este proxecto abrangue tamén unha cuarta fase, aínda por desenvolver, a implantación dun “sistema de realidade aumentada” que daría a posibilidade de ir desprazándose polo campus e obter á vez datos dos exemplares que en cada momento de visualicen na pantalla do teléfono móbil.

A estas iniciativas sumaríase ademais a posibilidade de desenvolver unha unidade didáctica para posibles visitas escolares ao aboreto, como engadiu Celso Cancela, quen incidiu en que este proxecto “supón un paso máis e unha mostra de compromiso co proxecto Green Campus”, que á vez pode contribuír a facer do campus da Xunqueira “un sitio cada vez máis agradable e atractivo”. Nese mesmo senso, a subdirectora da EE Forestal puxo de relevo o positivo dunha iniciativa “que sería interesante extrapolar ao resto da cidade e que é fantástico que se fixera na propia escola”.

Sustentos do planeta

“Trátase de dar a coñecer e pór en valor esta riqueza, en certa parte ignorada pola sociedade pontevedresa”, engadía nese mesmo senso Enrique Valero, quen incidía tamén en que en Galicia e España existen “arboretos magníficos” como do Pazo de Lourizán. O investigador principal do grupo AF4 e profesor do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente foi o encargado neste acto de pór en valor a importancia dos bosques con motivo deste Día Forestal Mundial. “Ademais de producir materia prima e soster ás comunidades residentes no medio natural, é innegable a súa contribución ao medio ambiente desde todo punto de vista”, sinalou Valero, quen lembrou o papel das masas arbóreas “no control da erosión e do réxime hídrico das augas”, á súa contribución á loita contra o cambio climático, “a través do secuestro de gases de efecto invernadoiro” como o CO2, ou como fonte dunha biomasa que constitúe “unha nova fonte de enerxía verde”, pero tamén o seu papel como “soporte dunha biodiversidade riquísima ao longo de todo o planeta”.

Da Xunqueira a Xenebra

Foi a Asemblea Xeral das Nacións Unidas a que acordou, en 2012, proclamar este 21 de marzo Día Internacional dos Bosques, efeméride que este mércores conmemorábase tamén na sede da ONU en Xenebra baixo o lema Forests and Sustainable Cities, “que encaixa perfectamente co proxecto de catalogación do arboreto, xa que ás árbores son unha infraestrura básica nunha cidade sustentable do século XXI”, como engade o director da EE Forestal, Juan Picos, que participa nestes intres na conmemoración que ten en lugar en Xenebra. Faino como un dos 40 expertos de Europa, Asia, América e Oceanía que integran o grupo de especialistas en Perspectivas do sector forestal, un dos equipos de expertos impulsados pola FAO, a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, que neste día se reúnen en Xenebra, sucedido á súa vez do encontro entre os e as integrantes dos diferentes grupos de expertos que terán lugar nas xornadas de xoves e venres.