A versión en galego da obra orixinal de Santiago Cortegoso O charco de Ulises, realizada para o espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG), constitúe o sexto número da colección editorial O Papel do Teatro, coa que se lle dá difusión aos textos das producións propias da compañía pública galega.
A publicación, promovida en réxime de coedición entre a Xunta de Galicia e a editorial compostelá Positivas, preséntase nun formato de peto de 100 páxinas, con fotografías a cor que reproducen escenas da obra O charco de Ulises, estreada polo CDG o pasado 14 de xaneiro no Salón Teatro de Santiago de Compostela baixo a dirección do propio Cortegoso xunto con Marián Bañobre.
Ademais da peza, o exemplar inclúe artigos asinados por Fran Núñez, director do CDG, pola dirección de escena, así como a relación dos integrantes dos equipos artístico e técnico da montaxe interpretada por Fran Paredes, Inés Salvado Gontad, Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo, Paulo Serantes, e o músico Xosé Lois Romero.
O charco de Ulises sitúa o clásico de Homero A Odisea nun contexto transatlántico. A trama do texto, escrito inicialmente en 2010 dentro do programa Iberescena e retomado anos despois nos talleres de dramaturxia do CDG, xera un diálogo co mito orixinal de Ulises para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Ulises permanece errante durante dez anos viaxando de illa en illa, vivindo aventuras inesquecibles, entre suculentos banquetes e fermosas mulleres. A idea do regreso á patria non o abandona nunca, pero a súa vida non había transcender se non saíra dela. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Buenos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.
Como explican Cortegoso e Bañobre na súa presentación, O charco de Ulises “trata da viaxe como concepto vital da existencia do ser humano no tempo, trata dos movementos migratorios, do multiculturalismo, da necesidade ─ou non─¬ de traspasar calquera fronteira. Fai unha relectura do clásico universal de Homero contextualizándoo nun fenómeno sociolóxico que marcou a historia do pobo galego”. O charco de Ulises pode mercarse xa a un prezo de 9,50 euros a través da Libraría Institucional da Xunta de Galicia e está tamén dispoñible nos principais puntos físicos de venda galegos.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.