O Colexio de Xornalistas pide erradicar o sensacionalismo das informacións sobre violencia machista

Perante o tratamento nos medios do múltiplo asasinato machista acontecido este luns en Valga, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vese obrigada a lembrar unha vez máis a necesidade de seguir os mandatos do Código Deontolóxico do Xornalismo Galego, así como a Declaración de Compostela e o resto de recomendacións específicas para o tratamento das informacións sobre violencia de xénero.
Publicado por o día 17/09/2019 na sección de Social

A violencia machista é un problema social que ten que ser tratado coa suficiente rigorosidade e profundidade. O morbo dalgunhas crónicas de sucesos non só non é aceptábel nun xornalismo responsábel e profesional, senón que ademais ailla e descontextualiza estes asasinatos, dificultando a comprensión da violencia de xénero como o que realmente é: unha violación dos dereitos humanos provocada no marco da ideoloxía patriarcal e presente en moitos máis aspectos da nosa sociedade. Esta perspectiva e o compromiso activo contra estes delitos teñen que ser os parámetros que marquen o tratamento informativo da violencia machista.

É necesario facer unha mención especial ás imaxes que acompañan as informacións. Resulta esencial que fotoxornalistas e cámaras de televisión coiden que a recollida de imaxes non atente contra a intimidade e a dignidade das vítimas nin aumente a dor das persoas achegadas. Mais, no caso de que se tomaran algunhas imaxes inadecuadas, cómpre que desde a redacción, a edición ou a dirección dos medios se evite a súa publicación, que só engadiría aflición a unha situación xa de por sí dolorosa, e sensacionalismo a unha información onde debera primar a reflexión e a sensibilidade.