O Concello de Bueu traballa actualmente nas propostas de consulta pública de cara á creación de novos regulamentos e ordenanzas e na actualización dalgúns que quedaran obsoletos. Así, no Taboleiro de Anuncios da Sede Electrónica publicouse esta semana un anuncio para que as persoas que o desexen poidan presentar propostas previas á elaboración e aprobación do regulamento para a creación dunha oficina de voluntariado.
Os cidadáns e cidadás, organizacións e asociacións disporán de prazo ata o 25 de setembro para achegar as súas opinións, o que poderán facer mediante a presentación da instancia “Participación na Elaboración de Normativa”, que se atopa no Catálogo de Trámites da sede electrónica do Concello de Bueu.
A aprobación deste regulamento é un compromiso adoptado pola corporación no marco do Plan Normativo para o ano 2018. Segundo iso, vanse actualizar os regulamentos de participación cidadá (o actual data de 1996), o regulamento orgánico da corporación (o actual aprobouse no 1985), a ordenanza de instalación de terrazas, mesas e cadeiras de hostalaría (a vixente é de 2012). Entre as novas normativas que se impulsarán están o regulamento para a xestión de autorizacións e cesións do uso de locais municipais a entidades cidadás, colectivos e partidos políticos, así como a ordenanza reguladora da administración electrónica.
Os obxectivos que se perseguen son aumentar a seguridade xurídica e facer predicible o ordenamento xurídico local, poñer en valor a normativa municipal mellorando a técnica de produción normativa, e facilitar o coñecemento das normas municipais, así como incorporar un modelo normalizado de consulta ou achega de suxestións por parte da cidadanía.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.