O Concello de Bueu continúa apostando pola educación como eixe de cambio de cara ao Día das Mulleres

Dende a concellaría de igualdade continúan coa organización de certames educativos con motivo do 8 de marzo, un literario e outro de viñeta e ilustración
Publicado por o día 04/03/2019 na sección de Galicia,Bueu

O Concello de Bueu continúa apostando pola educación como eixe de cambio de cara ao Día das Mulleres

A concellaría de igualdade de Bueu, dirixida por Ana Isabel Otero Pastoriza, xa ten lista a programación especial para o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, na que ten un papel salientable o alumnado dos centros educativos da vila, tal e como se vén facendo nos últimos anos. De aí que se convocasen dous concursos sobre a temática da igualdade no traballo dirixido aos máis novos e novas, e o próximo xoves ás 11.30 h celebrarase un pleno pola igualdade, no que participarán o alcalde e o alumnado da vila.

Precisamente, o venres reuniuse o xurado dos concursos de viñeta e ilustración e o literario, conformado pola pintora local, Marta González Fortes, a investigadora da USV con perspectiva de xénero, Sofía Malvido Cordeiro, a directora e a psicóloga do CIM, Montserrat González e Beatriz Monroy, e a concelleira de igualdade, Ana Isabel Otero.

No XIII concurso de viñeta e ilustración, existen dous primeiros premios para a ESO, concretamente para os deseños de Carlos López Menduíña (imaxe elixida para a campaña de Educación Non Sexista do 2020) e o de Damián González Fernández, ambos de 1º da ESO do IES Johán Carballeira. E para primaria, o primeiro premio foi para Sara Curra Cordero, de 6º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra. Ademais, acadaron mencións especiais os debuxos de Anxo Rodríguez Juncal, de 6º de primaria do CEIP A Pedra, Inés Lobeira Soage, de 6º de primaria do CEIP A Pedra, Xiana Dios García, de 6º de primaria do CEIP A Torre de Cela, Alba Villar Cerviño, de 1º de ESO do CPR Virxe Milagrosa, e Cristina Davila Otero, de 3º da ESO do CPR Virxe Milagrosa.

No tocante ao II Certame Literario, de entre os 58 presentados, o xurado decidiu outorgar mencións especiais a Laura Pérez González, de 6º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra pola súa biografía de Ana María Soto Landeira, Raquel Martínez Badea, de 2º da ESO do IES Johán Carballeira, pola poesía titulada “Bolboretas en xardíns de araña”, e Antía Novas Arribas, de 3º da ESO do IES Illa de Ons, pola biografía de Christine Pizán.

O obxectivo destes certames é sensibilizar ao alumnado sobre a situación laboral das mulleres e a (des)igualdade de oportunidades no traballo. Así, os premiados e premiadas recibirán os agasallos nun acto que terá lugar o 11 de marzo ás 12.00 h no Centro Social do Mar.

Actos programados

Con motivo desta efeméride, o Concello de Bueu organiza unha programación que xa arrancou o pasado venres, coa proxección do filme “A viaxe de Nisha” da man do Cineclub Bueu, e que continúa o xoves co pleno pola igualdade no que alumnado do IES Illa de Ons, IES Johán Carballeira, CEIP A Pedra e CPR Virxe Milagrosa será protagonista.

O 11 de marzo terá lugar o acto de entrega dos premios dos certames educativos, e xa o 22 de marzo, o salón de plenos acollerá a partir das 19 h a gala de entrega do premio a María López Correa, gañadora do IX Certame de Relatos de Muller Matilde Bares.

TRABALLOS PREMIADOS

ANTÍA NOVAS ARRIBAS ( 3º ESO – IES ILLA DE ONS)

LAURA PÉREZ GONZÁLEZ ( 6ºB – CEIP A PEDRA )

RAQUEL MARTÍNEZ BADEA ( 2º ESO – IES JOHAN CARBALLEIRA)

CARLOS LÓPEZ MENDUÍÑA (1º ESO – JOHAN CARBALLEIRA)